Este verán mergúllate no Ourense fluvial cos roteiros en ecobarco da Deputación

Que mellor plan para este verán que facer unha visita turística desde a auga? Ourense volve poder desfrutarse navegando nos seus encoros grazas á refrescante proposta deseñada pola Deputación de Ourense, a través do Inorde, que ofrece tres roteiros en ecobarcos que navegan nos encoros de Castrelo de Miño e Frieira sen emisións, sen ruído e sen pegada de carbono. Unha experiencia que nos permite coñecer puntos de interese turístico do Ribeiro con embarcacións eléctricas de última xeración totalmente respectuosas coa contorna, adquiridas ao amparo do Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal. Só o río, a paisaxe e quen o navega.

Saíndo dos embarcadoiros da Arnoia, Castrelo de Miño e Cortegada, poderemos coñecer os seus tesouros naturais, culturais e patrimoniais desde outra perspectiva, sucando os encoros de Castrelo de Miño e A Frieira por onde o río Miño serpea entre montañas, viñedos e pobos con historia. Navegaremos a bordo de catamaráns cómodos e modernos de seis prazas con patrón, aínda que tamén existe a posibilidade de alugar o barco completo sen patrón, sempre que se cumpran cos requisitos necesarios.

Cada embarcadoiro conta co seu propio catamarán —Espírito Ribeiro e Moura en Castrelo de Miño, o Treixadura que navega na Arnoia e o Miñoto en Cortegada—, todos preparados para desfrutar do río en parella, con amigos ou en grupo, percorrendo un roteiro diferente segundo o embarcadoiro que escollamos.

Así, para coñecer o encoro da Frieira poderemos elixir dúas saídas: desde Cortegada ou desde A Arnoia. Saíndo da Arnoia navegaremos en dirección a Ribadavia nunha travesía ideal para o descanso e a conexión coa natureza onde poderemos desfrutar preciosas vistas na contorna do Balneario e da histórica vila de Ribadavia, berce do Ribeiro onde conflúen os ríos Avia e Arnoia. Mentres que, se eliximos o embarcadoiro da vila termal de Cortegada, optaremos por un roteiro na que combinaremos navegación e benestar entre pontes e antigos «pasos de barca» ata a desembocadura do Deva, a un paso do histórico balneario de Cortegada, fundado en1937.

A terceira opción levaranos a Castrelo de Miño, onde embarcaremos no Parque Náutico de Galicia para desfrutar dunha navegación entre viñedos e natureza con vistas panorámicas a Castrelo de Miño, Ourense, Cenlle e Ribadavia nun percorrido que garante unha desconexión total sobre a ampla lámina do encoro, construído en 1969.

Tres opcións para desfrutar de Ourense desde a auga e para combinar con outras actividades en terra, como paseos entre bosques autóctonos e antigos camiños rurais, aloxarse en establecementos con encanto ou optar por algunhas das moitas propostas gastronómicas que atoparemos no territorio, moitas delas con acreditacións do seu “Compromiso de Calidade Turística” que certifican a excelencia dos seus servizos, nos que poderemos completar a nosa inmersión no territorio combinando paisaxe, historia, benestar e gastronomía.

En este articulo:
Compartir en redes sociales: