Alumnado do grao de Enxeñería Agrícola e Alimentaria pertencente á Escola Superior e Enxeñería do Campus de Lugo da USC, acompañados polo profesor da área de produción vexetal, Benigno Ruiz Nogueiras, visitaron as instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde situado en Xinzo de Limia. Este tipo de accións son fundamentais porque permiten achegar ao alumnado das diferentes universidades a aqueles sectores que están estreitamente vencellados coas titulacións que están a desenvolver, sendo un método didáctico útil para que os futuros profesionais dispoñan dunha ampla visión do seu campo de traballo.
A visita, xa tradicional no calendario de eventos do centro agrogandeiro, serve para que os futuros profesionais do sector primario acaden unha visión de primeira man, en relación a urdime produtiva da comarca da Limia en xeral (como unhas das principais zonas produtoras de Galicia) e de cultivos tan estendidos como a pataca, o cereal e a horta en particular.
A xornada artellouse en relación ás áreas de traballo nas que o Inorde está a desenvolver a súa función de apoio ao sector. Por elo, en primeiro lugar, o alumnado coñeceu as actividades que leva a cabo o laboratorio en relación ás características físico-quimicas dos solos, ás determinacións fitosanitarias (especialmente no referente a identificación de globodera), ás análises foliares e todas aquelas outras determinacións vinculadas a unha xestión sostible das explotacións. Igualmente, prestouse especial atención ás actividades formativas do Inorde, concretamente á oportunidade que se lle ofrece aos futuros titulados para realizar nas instalacións do Centro Agrogandeiro prácticas tuteladas en empresa ou mesmo colaboración para a realización dos Traballos de Fin de Grao ou de Fin de Máster.
Por outro lado, durante a xornada tiveron a oportunidade de visitar a finca de experimentación “Antela” que o Inorde mantén no Concello de Sandiás. Nela, os participantes coñeceron a pé de campo as experiencias en relación aos diversos cultivos que o Inorde mantén na presente campaña. O alumnado participante mostrouse especialmente interesado tanto en temas transversais como no mantemento da biodiversidade e a sostibilidade das explotacións agrícolas, como a cuestións máis puntuais como os proxectos Agriconet, Circular Labs e Soil Diver Agro dos que o Inorde é socio.
A xornada complementouse coa visita ás instalacións da comunidade de Regantes Antela, á sede do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida “Pataca de Galicia”, a empresa Gallega de Patacas e a unha explotación baseada no cultivo da pataca.