Ourense, 15 de maio de 2025
Do 12 ao 14 de maio, un representante de Eventoplus —empresa con máis de 25 anos de experiencia na promoción de espazos para a realización de eventos e congresos na península ibérica— realizou unha visita de inspección á provincia de Ourense para coñecer a súa oferta especializada en turismo de reunións,así como o seu entorno patrimonial, natural e enogastronómico.
Durante tres intensas xornadas, o percorrido permitiu explorar os focos estratéxicos onde se concentra a maior parte da oferta turística orientada ao sector MICE: a cidade de Ourense, a vila de Allariz, a Ribeira Sacra e a comarca do Ribeiro.
O itinerario incluíu visitas a espazos singulares como o Auditorio Municipal de Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Hotel Oca Vila de Allariz, o Auditorio Rubén García en Ribadavia, o Parador de Santo Estevo e o Pazo de Toubes, e a singular oferta enogastronómica. Ademais, integráronse actividades complementarias que puxeron en valor o territorio como destino de experiencias senlleiras: dende un paseo guiado pola vila histórica de Allariz, acompañados por María López, Conselleira de Cultura e Turismo, ata un traxecto en barco polo río Sil, pasando por visitas a mosteiros, xardíns, museos e recursos patrimoniais de alto valor engadido.
En Ribadavia, o representante foi recibido polo Alcalde César Fernández, quen ofreceu unha visita polo casco histórico, o barrio xudeu —un dos mellor conservados de Galicia— e o corazón cultural da localidade, descubrindo recunchos cargados de historia e tradición vencellados ao viño e á convivencia intercultural.
A mobilidade de todo o itinerario foi realizada co soporte loxístico proporcionado pola empresa Mobify, especializada en servizos de transporte personalizado e sostible.
Esta acción enmárcase na estratexia do INORDE para á promoción do destino da provincia de Ourense como sede singular para incentivos, reunións e eventos, apostando por unha combinación equilibrada e diferenciadora de infraestruturas profesionais, paisaxe, cultura e identidade local.