O presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e o presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou), Manuel Seoane, asinaron hoxe, nas instalacións do Inorde, un convenio de colaboración entre ambas entidades co obxectivo de promover os produtos locais para fomentar unha alimentación saudable nos comedores escolares. No acto tamén participou a xerente do Inorde, Emma González; e a xerente de Adercou, Beatriz Martínez.
O obxectivo desta alianza é “cooperar no fomento da alimentación saudable e do consumo de produtos agrarios e agroalimentarios obtidos nos concellos da provincia, a través de diferentes actividades que contribúan a promover un consumo de produtos saudables de proximidade”, explicou Rosendo Fernández.
No marco deste convenio, o Inorde comprométese a poñer a disposición de Adercou o calendario de produtos de tempada para que esta desenvolva o seu programa de alimentación saudable con produtos quilómetro cero nos comedores escolares. Así mesmo, este calendario estará dispoñible entre o tecido produtivo e empresarial deste sector nos concellos que constitúen Adercou.
Co fin de promover o consumo de produtos saudables de proximidade e a implantación do distinto Km0, o Inorde colaborará nas actividades que organice Adercou tales como cursos, visitas aos centros educativos, así como outros actos de presentación e posta en valor destes produtos agroalimentarios.
O Inorde achegará aos comedores escolares dos concellos que integran Adercou, produtos que están a ser postos en valor polas actuacións deste mesmo organismo como poden ser a pataca ou as razas autóctonas. Neste sentido, Rosendo Fernández destacou que esta actividade conta coa circunstancia especial de que “a maioría dos comedores escolares destes municipios son de xestión propia o que facilita que mediante unha serie de accións de información, sensibilización e coordinación poidamos apoiar aos produtores locais e fomentar unha cociña saudable neses comedores, así como reducir a pegada do carbono”, explicou o presidente do Inorde.