Máis de 200 deportistas de toda España e Portugal disputarán a cuarta edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra

  • Este evento deportivo, que conta co apoio da Deputación a través do Inorde e da Axencia de Turismo de Galicia, disputarase este domingo, 12 de maio.
  • A “Ribeira Sacra Cycling Road” levará aos participantes a percorrer as paraxes dos municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Parada de Sil, A Teixeira, Xunqueira de Espadanedo e Esgos.
  • Esta proba súmase así a esa “estratexia que defendemos desde o goberno provincial de apostar por eventos que contribúan a promocionar os recursos turísticos do territorio a través do deporte”, dixo Rosendo Fernández.

O Pereiro de Aguiar, 9 de maio de 2024.

Máis de 200 deportistas participarán o vindeiro domingo, 12 de maio, na cuarta edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra que conta co apoio da Deputación de Ourense, a través do Inorde, e da Axencia de Turismo de Galicia.

Esta proba súmase así a esa “estratexia que defendemos desde o goberno provincial de apostar por eventos que contribúan a promocionar os recursos turísticos do territorio a través do deporte”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, esta mañá na presentación da proba que tivo lugar na praza do Concello de O Pereiro de Aguiar.

Con esta proba tamén “promovemos o cicloturismo na nosa provincia, xa que presenta unhas condicións idóneas para esta disciplina deportiva”, explicou o presidente do Inorde, quen destacou o impacto positivo que ten no desenvolvemento económico e social dos territorios polos que transcorre a proba.

Na presentación tamén participou o xefe da área provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; o tenente de alcalde de Pereiro, Casiano Feijóo; os alcaldes de Parada de Sil e de Esgos, Aquilino Domínguez e Mario Rodríguez, respectivamente; os concelleiros do Pereiro de Aguiar, Fran González, Manuel Doval, Eliseo Fernández e María Gajardo; o concelleiro de Deportes de Esgos, Manuel Gil; o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; o asesor comercial de Rodosa, José Ramón González; os membros da Garda Civil de Tráfico, Damián Novoa e Jorge Núñez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

IV Ribeira Sacra Cycling Road

Nesta cuarta edición participarán ao redor de 200 deportistas procedentes de diferentes provincias da xeografía española (Asturias, Santander, Galicia, País Vasco, León, Salamanca, Cáceres, Badaxoz, Valencia, Gran Canaria, Zamora), así como tamén de Portugal, que poderán coñecer un dos lugares máis icónicos da provincia de Ourense.

A saída será o domingo, 12 de maio, na localidade de Luintra, en Nogueira de Ramuín, a partir das 9.30 horas, para posteriormente recorrer os territorios de O Pereiro de Aguiar, Parada de Sil, A Teixeira, Xunqueira de Espadanedo e Esgos, onde os deportistas poderán deleitarse con diferentes paraxes pola Ribeira Sacra, sendo un lugar único para rodar en bicicleta.

Os cicloturistas poderán realizar o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros e de máis 2.600 metros de desnivel co alto de meda como punto de maior dificultade que será cronometrado entre todos os participantes; o medio fondo de 85 km e de máis de 2.000 metros de desnivel; ou o minifondo de 75 quilómetros cun desnivel de máis de 1.700 metros e exclusivo para bicicletas Gravel.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email