O Inorde colabora coa nova edición da Challenge Os catro días de Ourense. Turismo Deportivo, que reunirá do 14 ao 17 de abril a preto de 800 deportistas. Este desafío ciclista, que regresa ás estradas da provincia despois de dous anos de ausencia, é unha proba única a nivel nacional pola súa duración e na que está prevista a presenza de equipos sénior e máster do noroeste de España e do norte de Portugal.
A proba foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; a xerente do Inorde, Emma González; o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure; e Jorge Villarino de La Región.
Cada unha das catro probas, coa participación de ciclistas de ata dez categorías nas modalidades feminina e masculina, sairá da estación de Baños de Molgas e terá un percorrido medio de 70 quilómetros, atravesando tamén os municipios de Ourense, Maceda, Vilar de Barrio, Paderne, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Taboadela.