O Inorde impulsa, cunha nova liña de subvencións, a incorporación das explotacións agrícolas, gandeiras e microempresas agroalimentarias ao agroturismo en Ourense

Ourense, 17 de xuño de 2025 – O Instituto Ourensán de Desenvolvemento (Inorde), organismo autónomo da Deputación de Ourense, anuncia no BOP de hoxe a apertura dunha convocatoria pública para a concesión de subvencións destinadas a fomentar o agroturismo na provincia. As axudas están dirixidas a explotacións agrícolas profesionais, explotacións gandeiras profesionais e microempresas agroalimentarias da provincia de Ourense que desexen realizar investimentos en infraestruturas, instalacións e equipamentos para a posta en marcha ou mellora de experiencias turísticas ligadas ao agroturismo durante o ano 2025.

Obxectivo e tipo de investimentos subvencionables
O obxectivo principal destas subvencións é facilitar a adecuación das instalacións para a recepción de visitantes e a mellora das experiencias agroturísticas. Considéranse investimentos subvencionables, entre outras:

-A dotación de vestiarios e aseos.
-Melloras na sinalización e accesos.
-A incorporación de medidas de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida ou calquera outro tipo de discapacidade.
-A creación ou mellora de áreas de recepción de visitantes, presentación de mostras ou degustación de produtos.
– A adquisición de mobiliario e equipamento necesario para estes espazos.

Cada entidade interesada poderá presentar un único proxecto, cun orzamento mínimo de 3.000 euros e un máximo de 6.250 euros.

Beneficiarios e contía das axudas
Poderán ser beneficiarios os titulares de explotacións agrícolas e gandeiras profesionais, así como microempresas agroalimentarias da provincia de Ourense que teñan ou vaian desenvolver experiencias agroturísticas. Considérase microempresa aquela que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
A contía máxima da subvención poderá alcanzar o 80% do custo total de cada proxecto, cun límite de 5.000 euros por beneficiario. A dotación orzamentaria total para esta convocatoria ascende a 50.000 euros.

O Inorde reafirma así o seu compromiso cos seus obxectivos de impulsar a modernización e adaptación ao mercado das explotacións agrícolas e gandeiras, así como potenciar o turismo en Ourense, apoiando iniciativas que valorizan o sector primario e ofrecen novas oportunidades de negocio no ámbito rural.

En este articulo:
Compartir en redes sociales: