A provincia está a participar, por primeira vez, nesta feira que se celebra do 3 ao 5 de marzo no recinto feiral de EXPOCoruña, para promocionar a calidade dos produtos ourensáns que traballan neste sector
A xerente do Inorde presentou hoxe, no marco de BioCultura, “Ourense Termal, unha provincia de experiencias sostibles”, na que deu a coñecer novas actividades que ofrece o territorio como son os eco-barcos, as visitas a adegas ou os trens turísticos
A provincia de Ourense está a participar por primeira vez, a través do Inorde, na 4ª edición de BioCultura, con cinco empresas de produtos de alimentación ecolóxica certificada da provincia de Ourense para dar a coñecer neste foro de referencia do sector, a calidade agroalimentaria do territorio a través da marca “Ourense Enogastronómica”.
Na xornada de hoxe, a xerente do Inorde, Emma González, presentou “Ourense Termal, unha provincia de experiencias sostibles”, como xerente do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, que lidera a Deputación de Ourense. Na súa exposición, presentou aos asistentes a provincia de Ourense como un destino que atesoura recursos naturais, patrimonais e enogastronómicos, que ten como principal factor diferencial o termalismo.
Esta exposición sobre o destino permitiu que os visitantes coñeceran as novas experiencias sostibles que ofrece o territorio ourensán como son os eco-barcos, as visitas a adegas, os trens turísticos, entre outras actividades. Ademais, os asistentes á presentación participaron nun sorteo de experiencias neste territorio xenuino.
Stand do Inorde en BioCultura 2023
BioCultura comezou onte con máis de 150 expositores, dedicados aos sectores da alimentación bio, ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sana, benestar, eco-estilo de vida, artesanías e ONG´s., que promocionará os seus produtos ata o 5 de marzo no recinto feiral EXPOCoruña.
A participación do Inorde nesta feira de produtos ecolóxicos e ecoturismo permite que “as pequenas empresas ourensás que desenvolven o seu traballo nestes sectores produtivos, anteriormente citados, poidan estar presentes nesta feira de referencia no turismo sostible de España”, explicou Emma González.
Nesta ocasión, están no stand da provincia de Ourense promocionando os seus produtos: Carabuñas – Os do Sabugueiro, a empresa González Carballal, Shiitake Trives, Adegas do Campo Dacio e Bio Alimentación Colombia. “Trátase das cinco empresas que se inscribiron para participar nesta feira a través da convocatoria que abrimos para que todas as empresas ourensás que estiveran certificadas polo C.R.A.E.G.A., puideran promocionar os seus produtos no noso stand, estes días”, explicou a xerente do Inorde.
A feira é visitada anualmente por decenas de miles de cidadáns interesados “por estes sectores que encaixan perfectamente co traballo realizado polo Inorde a prol dun desenvolvemento económico que aposte cada vez máis pola sustentabilidade, a dixitalización e a economía circular, tal e como marcan as directrices europeas”, engadiu a xerente do Inorde. Ademais dos expositores, celebraranse máis de 150 actividades e esperan superar os 13.000 visitantes.