O Inorde vén de organizar, no marco do proxecto “CrinMA 2.0: Recursos Culturales en Áreas de Montaña (Interreg Europa), unha mesa de debate online que baixo o título “Cultura – Pandemia – Turismo” reuniu a unha trintena de expertos de diferentes sectores, tanto públicos como privados, para analizar a influencia da pandemia no patrimonio cultural.
A xornada, inaugurada pola xerente do Inorde, Emma González, tivo de relatores ao director da área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez; a administradora delegada de Adere-Peneda Gerês, Sónia Almeida; a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, Montserrat Cruz; e a Guti Martín, de Sherpa Project S.L.U.
Ademais, tamén asistiron á mesa debate online representantes de diferentes lugares de Galicia e do norte de Portugal das seguintes entidades: o Ministerio de Facenda; os concellos de Celanova, Calvos de Randín, Manzaneda, O Bolo, Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; as xefaturas territoriais de Patrimonio Cultural e Turismo da Xunta de Galicia; os GDR Sil-Bibei-Navea, Monteval, Limia-Arnoia e Carballiño-Ribeiro; a Oficina de Turismo de Monterrei; as empresas Genuine Galicia, Iniciactiva, Ecoturismo Xurés. Lirios do Xurés; Axencia de Desenvolvemento Rural Alto Támega; Cabril Eco Rural; a Asociación de Hostelería y Turismo Trevinca – A Veiga (Trevihost); o Grupo de estudos Territoriais Universitarios da Coruña; a Cámara Municipal de Montalegre; o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra; e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo.
Xornada
A xerente do Inorde ao comezo da xornada -actividade adicional deste proxecto que rematará no vindeiro mes de setembro- lembrou o obxectivo do proxecto europeo CRinMA, co que se pretende mellorar as políticas rexionais relacionadas coa protección e promoción do patrimonio cultural nas zonas de montaña. Esta finalidade supón “a mellora dos Programas Transfronteirizos e dos Programas Operativos Rexionais, e tamén un pensamento máis complexo sobre o papel do patrimonio cultural nas áreas de montaña, que se traducirá en mellores políticas e programas no futuro”, sinalou Emma González.
Este foro permitiu intercambiar solucións e prácticas ante a influencia da pandemia no patrimonio cultural. No caso da nosa provincia, o director da área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez expuxo como exemplo de solución a dixitalización como factor de sustentabilidade turística a través do proxecto “Destino Turístico Intelixente” que está a implantar a Deputación de Ourense. Dito plan abrangue 13 compoñentes e inclúe o deseño dun portal e unha aplicación web para dar visibilidade a todos os recursos turísticos da provincia, un sistema de cámaras para facilitar a observación deses recursos, comprobar as condicións meteorolóxicas ou mesmo controlar os niveis de afluencia de visitantes. O turista tamén terá acceso á realidade aumentada, enriquecendo a súa experiencia antes, durante e despois da visita, ademais de facilitarlle recomendacións en base aos seus perfís para organizar rutas personalizadas.
Durante a mesa de debate evidenciouse a necesidade de implicar ao sector público e privado para abordar de xeito conxunto os problemas que son comúns en todas as rexións que contan con patrimonio cultural e inmaterial nas áreas de montaña. Neste sentido, a administradora delegada de Adere-Peneda Gerês, Sónia Almeida, destacou na súa intervención a importancia de traballar estreitamente coa comunidade local para asegurar que os resultados dos proxectos teñan un impacto positivo na poboación e nos territorios.
Pola súa parte, a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, Montserrat Cruz analizou o turismo masivo e incidiu na importancia de empregar instrumentos de regulación que faciliten a xestión sostible dos recursos. Así mesmo, salientou a necesidade de realizar análises de carga dos espazos naturais protexidos desde o punto de vista medioambiental, social e económico, para garantir un turismo sostible.
Por último, de xeito previo ao debate final, Guti Martín, de Sherpa Project S.L.U., falou da xestión financeira de proxectos turísticos-culturais. Na súa intervención centrouse na necesidade de prever, por exemplo, dun Plan Director para contar cunha ferramenta que permita facer unha xestión a longo prazo dos recursos patrimoniais. Asemade, Guti Martín insistiu na importancia de fomentar o emprendemento e a iniciativa privada acorde con esa dimensión sostible deste tipo de territorios.
Esta xornada forma parte dun proceso que continúa vixente ata a redacción dun informe de avaliación de boas prácticas e propostas que xurdan deste tipo de debates nos que se citan aos principais actores na xestión do patrimonio cultural. As suxestións poderán facerse chegar ao Inorde para ser analizadas e debatidas neste informe.
Socios do proxecto CRinMa
Ademais do Inorde son socios deste proxecto a rexión Podkarpackie (Polonia), a Axencia de Desenvolvemento Rexional de Presov (Eslovaquia), o municipio de Montalegre (Portugal), a Unión de Municipios de Montaña Piedmont-uncem Piedmont (Italia) e a rexión de Malopolska (Polonia).