O Museo Moncho Borrajo que ten o Inorde na antiga Estación de tren de Baños de Molgas, abrirá as súas portas por Nadal, desde o 27 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2023, para que veciños e turistas poidan coñecer parte da riqueza cultural do legado do artista. “O obxectivo é sumar á oferta cultural da provincia, unha nova proposta máis coa apertura deste espazo expositivo e atraer a visitantes a este municipio ourensá”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
Os interesados en coñecelo poderán visitar o Museo de martes a venres, en horario de tarde (16.30 ás 18.30 horas), e os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Estará pechado os luns e os días 31 de decembro, 1 e 6 de xaneiro.
Museo Moncho Borrajo
O Museo Moncho Borrajo é un espazo cultural que recolle a totalidade do legado do artista, con material de atrezzoutilizado ao longo da súa carreira, premios, obxectos persoais, pinturas, curiosidades así como documentación sobre a súa vida e as súas obras; os artigos máis representativos da vida cultural e persoal do dramaturgo ourensán nado nesta localidade. Ademais da súa biblioteca persoal con máis de 3.000 libros.
Con esta iniciativa o Inorde pretende contribuír a dinamizar a oferta turística cultural da provincia de Ourense, especialmente pensada para as familias mediante a visita a este Museo da antiga estación de Baños de Molgas, que foi rehabilitado co proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Interreg III A España-Portugal FEDER.