O Inorde, ente reitor do xeodestino co apoio da Cámara Municipal de Braga presentaron hoxe esta iniciativa que comeza na cidade portuguesa con actuacións de promoción a pé de rúa
“Escolle a túa aventura” chega mañá venres, 11 de novembro, a Vigo para xerar notoriedade deste xeodestino en mercados de proximidade co apoio da Axencia de Turismo de Galicia
Braga, 10 de novembro de 2022.-O xeodestino “Terra de Celanova-Serra do Xurés” promociónase en Braga e en Vigo coa campaña “Escolle a túa aventura”, unha das accións previstas a desenvolver este ano co obxectivo de captar potenciais visitantes procedentes destes mercados de proximidade co apoio da Axencia de Turismo de Galicia. A iniciativa foi presentada hoxe no Posto de Turismo de Braga pola xerente do Inorde, Emma González, como organismo xestor; e polo adxunto ao presidente da Cámara Municipal de Braga, Antonio Barroso, que exerceu como anfitrión ante os medios locais.
A acción principal desta proposta é a promoción do xeodestino mediante o uso de personaxes caracterizados como usuarios de diferentes experiencias asociadas ao Xeodestino: un deles de romano polas rutas históricas como a Vía Nova e enclaves termais da zona, outro de peregrino para promover o Camiño da Raíña Santa (con orixe en Santo Tirso e Braga e San Rosendo), e por último, outra das personaxes irá de ciclista para dar visibilidade á capacidade do destino para acoller probas cicloturistas e promover o Geocaching como alternativa para descubrir os principais recursos naturais e patrimoniais do territorio.
Os “actores” que percorrerán o Casco Histórico de Braga en patinetes eléctricos motivarán aos veciños e visitantes a fotografarse con eles e compartir as súas fotos e vídeos en redes sociais co hashtag #AventuraCelanovaXures, para que, unha vez sexan compartidas, poidan participar nun rasca e entrar no sorteo dunha experiencia turística para dúas persoas por valor de 200 euros.
Así mesmo, as persoas que participen no sorteo, aínda que non resulten premiados con esta experiencia, recibirán un obsequio da campaña. Co obxectivo de chegar ao máximo público posible, a actividade será amplificada en redes sociais para facer viral a proposta.
“Escolle a túa aventura” desenvolverase en primeiro lugar en Braga, no centro histórico, hoxe desde as 10.30 ás 14.30 horas, e mañá venres, 11 de novembro, en Vigo, na zona do Nadador de As Laxes, desde as 10.30 ás 14.30 horas, para mellorar o desenvolvemento turístico destes territorios neste destino de proximidade.