Preto de 300 cicloturistas rodaron pola Ribeira Sacra

Na III edición da “Ribeira Sacra Cycling Road” organizada pola Deputación
de Ourense, a través do Inorde, co apoio de Turismo de Galicia, que se
disputou hoxe polos municipios de Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A
Teixeira, Montederramo e Castro Caldelas

O exciclista vasco Igor Antón foi o padriño oficial desta proba que volveu a
cumprir o obxectivo de atraer co deporte a numerosos visitantes procedentes
de 15 provincias do territorio español, así como do Norte de Portugal

Ourense, 24 de setembro de 2023.– Preto de 300 cicloturistas rodaron hoxe pola Ribeira Sacra
na terceira edición da proba que organiza a Deputación de Ourense, a través do Inorde, co apoio
de Turismo de Galicia, que levou aos participantes a percorrer os municipios de Nogueira de
Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Montederramo e Castro Caldelas. No corte de cinta, que tivo
lugar esta mañá en Luintra, estiveron a xerente do Inorde, Emma González; o xefe da área
provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; o tenente Nogueiras; e o alcalde e o
concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Julio Temes e Raúl Soto, respectivamente.

O exciclista vasco Igor Antón  foi o padriño oficial desta proba que volveu a cumprir o obxectivo
de atraer a través do deporte a numerosos visitantes de fóra da provincia. Nesta ocasión, os
inscritos nesta edición proceden de 15 provincias de diferentes Comunidades españolas, así
como do Norte de Portugal.

Os cicloturistas puideron realizar o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros ou o minifondo
de 80 quilómetros, contando cun tramo cronometrado que incluía a última subida. A “Ribeira
Sacra Cycling Road”, de carácter non competitivo, outorgou un premio especial aos tres
primeiros deportistas masculinos e femininos do tramo cronometrado que participaron no Gran
Fondo: na categoría masculina o primeiro posto foi para Carlos Bustelo do Club Triatlón
Vilagarcía; en segunda posición quedou Jhonatan Bernardo de La20veinte; e en terceiro lugar
Francisco Javier Alonso de Bicicleta CC. Na categoría feminina gañou Estefanía Abelenda; en
segundo lugar Miriam Iglesias de A.D. Mediaducia; e en terceiro posto María Rivera de AD
DownHill Laracha.

Este evento encaixa na folla de ruta do goberno provincial de apostar por un ecosistema
deportivo que contribúa a promocionar os recursos turísticos do territorio a través do deporte, e
neste caso, tamén serviu para promover o cicloturismo na nosa provincia, xa que presenta unhas
condicións idóneas para esta disciplina deportiva.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email