Rosendo Fernández: “O Inorde está a desenvolver estratexias para que o AVE contribúa a afrontar o reto demográfico”

O presidente do Inorde participou hoxe, en Expourense, nun dos paneis do “Foro AVE Madrid – Ourense. Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades” organizado pola Xunta de Galicia 

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe en Expourense nun dos paneis do “Foro AVE Madrid – Ourense. Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades” organizado pola Xunta de Galicia, que foi clausurado polo presidente, Alberto Núñez Feijóo. En concreto, Fernández fixo a súa intervención na mesa redonda que abordou o papel do AVE no escenario da recuperación turística, que estivo moderada polo delegado territorial do goberno autonómico, Gabriel Alén. 

Na súa intervención, o presidente do Inorde afirmou que “a chegada da Alta Velocidade a Galicia abre un novo escenario de oportunidades para o noso territorio, ao converterse Ourense no aeroporto terrestre da nosa Comunidade”. Ante esta nova realidade, desde a Deputación de Ourense, a través do Inorde “traballamos para xestionar que o fluxo de viaxeiros do AVE teña un impacto positivo no conxunto da provincia” e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, “levamos a cabo unha campaña de promoción baixo o lema “Ourense Coge Velocidad”. O fin era “xerar notoriedade do noso destino ante os potenciais visitantes de proximidade da capital española”, lembrou Rosendo Fernández. 

“O obxectivo desta campaña, e doutras actuacións que se veñen desenvolvendo de forma previa á chegada da Alta Velocidade desde o goberno provincial, é posicionar a Ourense como un destino turístico de referencia capaz de conxugar ese incremento de visitantes ao noso territorio cun modelo turístico sostible, sen aglomeracións, no que prime a calidade”, afirmou Rosendo Fernández.

O presidente do Inorde asegurou que a chegada da Alta Velocidade a Galicia tendo a Ourense como porta de entrada, será “un revulsivo transcendental para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia. Por elo, desde o Inorde, ente xestor do turismo provincial, estamos a desenvolver estratexias que optimicen o impacto positivo que ten o AVE e que isto tamén contribúa a afrontar o reto demográfico mediante a creación de novas oportunidades no territorio”.

Ademais, o feito de que “Ourense se atope a tan só dúas horas e quince minutos da capital de España, tamén nos converte nun destino moi atractivo, non só para ese mercado de proximidade que busca un destino seguro, tranquilo, cunha ampla oferta natural, patrimonial, enogastronómica e termal, senón que nos abre a posibilidade de que viaxeiros doutros puntos de España nos escollan pola nosa proximidade e boas comunicacións ferroviarias con Madrid, que concentra a gran maioría de saídas e chegadas de viaxes do noso país”, engadiu Rosendo Fernández.

As previsións do Ministerio de Transportes e RENFE son que o tráfico de viaxeiros de longa distancia en tren pasen dun 20% a un 50% en Galicia. “Isto implica que un 30% máis de viaxeiros de longa distancia vaian a entrar e saír da comunidade a través de Ourense, coas oportunidades que isto supón para o noso territorio”, sinalou o presidente do Inorde, quen lembrou que a inauguración da liña de Alta Velocidade Madrid-Ourense tamén “propiciará a viabilidade de investimentos no territorio, especialmente no ámbito turístico, xa que se incrementan exponencialmente as opcións de rendibilidade”.

No panel no que participou o presidente do Inorde, tamén estiveron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal.  Ademais desta mesa, tamén se abordaron outros temas de interese como: “Un camiño a Galicia” a cargo do ex ministro de Fomento, José Blanco e da vicepresidenta do Congreso dos Deputados e ex ministra de Fomento, Ana Pastor; “Galicia, os galegos e o AVE”, no que participaron o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, o alcalde da Gudiña, o presidente da “Plataforma Lugo… non perdas o tren”, e a portavoz da Plataforma de usuarios de ferrocarril de media distancia; e, por último, “un camiño por completar: as etapas pendentes”, no que se deron cita o catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña, o director da AECT Rio Minho, e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia. 

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email