O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, visitaron a finca que posúe a Deputación de Ourense en Armariz (Nogueira de Ramuín).
Desde o ano 1999 a Deputación de Ourense a través do INORDE traballa na conservación e mantemento de razas autóctonas en perigo de extinción: “ porco celta”, “cabra galega”, “ ovella galega” e “ galiña de mos”.
Neste programa colabora a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través dun convenio asinado co INORDE o 10 de xaneiro de 2020, para as anualidades 2020, 2021 e 2022. A achega económica é de 75.000 € por ano.
“O desenvolvemento de proxectos deste tipo contribúe eficazmente ao mantemento da variabilidade xenética mediante a realización de cruces dirixidos para garantir unha reserva de recursos de razas autóctonas fronte ás posibles perdas que poidan ocorrer”, sinalou Rosendo Fernández, quen dixo que ademais “os gandeiros poden acceder aos excedentes destes rabaños para incorporalos as súas explotacións”.
Os animais de raza autóctona son de crecemento lento, esta calidade permite que as súas características culinarias sexan excelentes e, por tanto, moi valoradas. Tamén destaca a súa capacidade de adaptación ao medio. Polo que respecta á produción avícola, cabe destacar a alta demanda do mercado de ovos desta raza, os criadores non dan satisfeito a demanda
As actividades que levan a cabo no marco deste programa son:
– manter aos animais nas idóneas condicións de nutrición, hixiénico – sanitarias e de benestar animal;
– realizar cruces cunha consanguinidade inferior o 5%;
– xestionar a repartición dos animais excedentes, segundo as bases aprobadas pola Comisión Executiva do Inorde, do 12 de febreiro e publicadas no BOP do 7 de marzo de 2020;
-e apoiar ás asociacións de criadores de razas no mantemento ou creación de bancos de xermoplasma..
Os machos necesarios para o programa de recuperación das razas “ ovella galega” e “cabra galega” son trasladados ao Centro de Recuperación de Recursos Zoogenéticos de Galicia en Fontefiz (Coles), unha vez destetados ou empregados nas cubricións para que sexan testados.
O número de animais na explotación é o seguinte:
caprino (40 femias, 15 machos); ovino (130 femias, 20 machos); porco (35 femias, 41 machos, 30 leitóns); galiña (45 galiñas, 4 galos).
En canto á parideira do 2020, os datos son:
26 cabras paridas cun resultado de 29 cabritos, 26 aptos para reprodución, 3 descartados; 96 ovellas paridas cun resultado de 123 cordeiros, todos aptos para a reprodución; e 5 porcas paridas, cun resultado de 30 leitóns.
As solicitudes de animais realizadas por gandeiros foron de caprino 20 animais; de ovino 61 animais; de porco celta 56 animais e de galiña de mos 200 pitos.