Visita dos socios do proxecto “Keep On” a Vilanova dos Infantes

Os socios do proxecto europeo Keep On, así como partes interesadas do mesmo, visitaron hoxe Vilanova dos Infantes por ser o lugar que acolle a celebración de “Raigame”, un dos exemplos de Boas Prácticas de xestión do patrimonio cultural que foi identificado na nosa provincia no marco deste proxecto. A visita enmárcase dentro da programación do evento de peche deste proxecto que lidera o Inorde.

Durante a visita, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer -acompañados polo alcalde e polo técnico de Cultura do Concello de Celanova- a recuperación realizada nesta localidade celanovesa e o traballo que alí se realiza para poñer en valor “a nosa tradición e cultura cada ano, o 17 de maio, na Romaría Raigame que reúne a numerosos visitantes atraídos precisamente polas nosas raíces e a nosa etnografía”, subliñou a xerente do Inorde, Emma González, quen aproveitou para felicitar aos organizadores da mesma polo gran labor que realizan a prol da nosa cultura.

Trala visita, celebrarase unha reunión do comité directivo do “Keep On” no Inorde que será a antesala á xornada final do proxecto que comezará o xoves, 9 de febreiro ás 9.00 horas, na Aula Magna José Ángel Valente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Alí daranse cita os repesentantes dos territorios socios do proxecto: o Inorde (xefe de fila) a Rexión de Świętokrzyskie (Polonia), o municipio de Paggaio (Grecia), o municipio de ‘s-Hertogenbosch (Países Baixos), ADRAT – Asociación de Desenvolvemento da Rexión do Alto Tâmega (Portugal), a LAMORO – Axencia de Desenvolvemento de Langhe Monferrato e Roero (Italia), e o IRMO – Instituto de Desenvolvemento e Relacións Internacionais (Croacia).

O proxecto europeo Keep On, do Programa Interreg Europe financiado con fondos FEDER, ten como obxectivo promover a melloría das políticas e instrumentos de cooperación no sector do patrimonio cultural, para conseguir presentar proxectos de alta calidade con resultados sostibles e impactos duradeiros no desenvolvemento rexional

.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email