A Deputación avanza na sinalización do Camiño de San Rosendo para ofrecer información de calidade sobre aspectos sociais, culturais e naturais

 

WEBreunionlobeira

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, presentou en Lobeira o informe que agora avaliarán os representantes dos nove municipios polos que discorre esta ruta

Incentivarase o coñecemento por parte do peregrino do medio, atendendo especialmente a divulgar o máis destacable relativo ao entorno natural e aos restantes elementos de interese

Ourense, 10 de decembro de 2024.

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), presentou o documento técnico do proxecto arqueolóxico de posta en valor e sinalización do Camiño de San Rosendo, un informe elaborado a petición dos nove concellos ourensáns polos que transcorre o itinerario de peregrinación.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, presentou nun acto no Concello de Lobeira o citado documento, que será avaliado polos concellos para a súa posterior presentación á Dirección Xeral de Patrimonio, un paso necesario para obter as autorizacións que permitan avanzar na posta en valor deste itinerario xacobeo.

O proxecto de sinalización que se pretende levar a cabo nos concellos de Lobios, Muíños, Lobeira, Bande, Verea, Celanova, A Merca, San Cibrao das Viñas e Ourense, céntrase na formalización do Camiño Xacobeo e da Raíña Santa que foi recoñecido eclesiasticamente no ano 2021.

En concreto, a parte ourensán deste camiño de peregrinación vai dende a fronteira no termo municipal de Lobios ate o de Ourense, e está dividido en tres etapas. Ademais, este itinerario únese á Vía da Plata desde Ourense.

Seguridade, calidade e información

As actuacións a realizar tratan de conceder a este camiño de peregrinación a Santiago a suficiente versatilidade e calidade de información.

O trazado do itinerario efectuarase aproveitando os viais xa existentes, percorrendo os distintos puntos de interese presentes na zona; deste xeito establecerase como punto de partida principal do percorrido a Ponte Nova en Lobios.

O peregrino atopará no percorrido: seguridade, calidade e información sobre o tramo que realiza; incentivarase o coñecemento do medio atendendo especialmente a divulgar o máis destacable relativo ao entorno natural e aos restantes elementos de interese dende o punto de vista social, cultural e etnográfico da zona.

No documento para a sinalización axeitada téñense en conta aspectos como o emprego de materiais integrados na paisaxe da zona e o obxectivo de dinamización da zona mediante a captación dun elevado número de peregrinos.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email