A campaña de divulgación da Vía da Plata en estacións de tren alcanza cinco millóns de visualizacións e sitúa a Alta Velocidade como “factor diferencial” para atraer turismo en Ourense

Luis Menor e Xosé Merelles avanzaron na folla de ruta de cooperación institucional para dinamizar a Vía da Plata e o turismo ourensán, un obxectivo “estratéxico” para o presidente provincial, que sinala a Alta Velocidade como “factor diferencial” para atraer peregrinos a través de diversas accións de promoción dos itinerarios xacobeos, como a campaña dispoñible en estacións de tren que xa captou cinco millóns de visualizacións

Nun encontro de traballo entre os representantes da Deputación de Ourense e a Xunta abordáronse outros asuntos de interese relacionados coa seguridade viaria dos peregrinos ou coa estratexia de poñer en marcha unha ruta cicloturista

Ourense, 12 de novembro de 2024.

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, e a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, avanzan na folla de ruta para impulsar actividades de dinamización turística na provincia e, en especial, coa promoción da Vía da Prata e os Camiños da provincia de Ourense. O presidente do goberno provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, para fixar accións de posta en valor do itinerario xacobeo, un obxectivo “estratéxico para a provincia”, en palabras de Menor, que subliñou a alta velocidade como “factor diferencial” para seguir atraendo turismo.

Neste sentido, o presidente provincial fixo un balance “moi positivo” da campaña de divulgación  “Vía de la Plata. Tu Camino comienza aquí”, dispoñible en diferentes pantallas dixitais de estacións de tren que conectan coa provincia de Ourense e que logrou cinco millóns de visualizacións dende que se puxo en marcha o pasado mes de outubro.

A promoción turística foi o eixe central da reunión mantida este martes, a través de iniciativas como a campaña nas estacións de tren, prevista ata o mes de decembro. No encontro de traballo tamén participaron o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente. A reunión de traballo é froito da estreita cooperación entre Deputación e Xunta, que se ten materializado en convenios recentes como o firmado o pasado mes de xullo para dinamización turística, cuxo importe acordado foi de 119.896 euros.

Entre outros asuntos abordados na reunión, tratáronse as melloras posibles en seguridade viaria para os peregrinos e unha estratexia de especialización cicloturista para a Vía da Plata.

Sobre a iniciativa das estacións de tren, o presidente provincial sinalou que “ten o obxectivo de promover a provincia de Ourense como un punto de inicio do Camiño de Santiago, utilizando un transporte sostible como é o caso do tren, e chegar e desfrutar dos recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos deste itinerario xacobeo”.

A través dun total de cinco pezas audiovisuais ofrécese a alternativa de chegar ás estacións de Alta Velocidade de A Gudiña ou a de Ourense, desde as que distan respectivamente oito e cinco 5 etapas (incluíndo os últimos 100 kilómetros) ata Compostela.

Este proxecto complementarase próximamente cunha iniciativa piloto que invita a descargar unha completa guía da Vía da Plata coas diferentes alternativas que ofrece o Camiño Mozárabe desde a súa entrada na provincia ata a catedral de Santiago.

Pola súa banda, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, lembrou a aposta da Xunta de Galicia pola posta en valor e mantemento da Vía da Prata para seguir diversificando a chegada de peregrinos polos distintos itinerarios xacobeos.

Neste sentido, salientou que o obxectivo primordial da promoción da Vía da Prata e os Camiños da provincia de Ourense é dinamizar o itinerario xacobeo máis extenso en Galicia, que conta con 200 quilómetros na provincia de Ourense e transcorre por 28 concellos.

A Deputación e a Xunta enxalzan o crecemento do número de peregrinos que elixen o Camiño ourensán, xa que o número de usuarios da Vía da Plata aumentou un 13% respecto ao exercicio anterior, con 8.772 peregrinos no que vai de ano.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email