Un total de 424 deportistas para 311 barcos, de 54 clubs de dez federacións (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Andalucía, Comunidade Valenciana, Cataluña e Madrid). Son os datos en canto á participación da elite do remo nacional no XI campionato de España de remo de longa distancia disputado na mañá deste sábado 20 de febreiro no Parque Náutico de Castrelo de Miño.
O Inorde estivo presente dando o seu apoio e colaborando na organización da proba coa aportación das carpas, arcos e valados para o perfecto desenvolvemento da competición.
Con respecto ao apartado estritamente deportivo, os remeiros competían nas categorías cadete, xuvenil, absoluto e adaptado, masculino e feminino; nas modalidades 2x, 2- e 1x e, malia que o medalleiro quedou bastante repartido, por clubs o vencedor da proba foi o Club Náutico Sevilla con 8 medallas, 4 delas de ouro, 2 de prata e 2 de bronce. O segundo club en canto a metais foi o catalán Nataciò Banyoles con cinco (2 ouros, 2 pratas e 1 bronce). E o terceiro, outro catalán, o Club Nàutic Amposta con catro (2 ouros e 2 pratas).
Con respecto aos equipos galegos o Club Mar de Noia lograba dúas medallas (1 ouro e 1 prata); o Club Remo Cedeira outras dúas (1 ouro e 1 bronce); e tanto o Club Regatas de Perillo como o Club Remo Tui conseguían 1 ouro cada un. O Club Remo Vigo lograba 1 prata; e o Club Remo do Muíño, 2 bronces. O anfitrión, o Club Náutico Castrelo de Miño, tamén participaba no campionato con dous remeiros: Hugo Ávarez Gil en 1x xuvenil masculino e Clara Fernández Parada en 1x absoluto feminino.
O protocolo imposto por motivos sanitarios fronte ao Covid impedía a celebración do acto de entrega de medallas, pero seguindo o desenvolvemento da competición estaban, ademais da presidenta da FER, o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos e o Concelleiro de Deportes, José Antonio Ferreiro, entre outros.
Fuente: diario O Sil