Emma González indicou que o Inorde, co apoio da Deputación de Ourense, puxo en marcha por primeira vez unha liña de axudas a asociacións de comerciantes da provincia, á que se presentou Prolimia con este certame no que se darán cita ao redor de 40 expositores
Esta convocatoria enmárcase “nese papel cooperativo que nos marca a folla de ruta da xestión do goberno provincial, apoiando as propostas do sector e fomentando a súa vez o asociacionismo no noso territorio”, engadiu a xerente do Inorde
A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe na inauguración da segunda edición da Feira do Comercio que organiza a asociación Prolimia do 26 ao 28 de agosto, no pavillón municipal de Xinzo de Limia, que nesta ocasión reunirá a preto de corenta expositores. Na inauguración tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde accidental de Xinzo, Armando Díaz; o concelleiro de Facenda e Promoción Económica de Xinzo, Manuel Pérez; a presidenta da asociación Prolimia, Concepción Conde; e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Belén Gómez.
O Inorde abriu este ano, por primeira vez, unha partida de 50.000 euros para cooperar coas asociacións de comerciantes da provincia de Ourense, grazas á transferencia de crédito da Deputación Provincial, convocatoria á que se presentou a Asociación Prolimia con este proxecto.
Esta convocatoria enmárcase “nese papel cooperativo que nos marca a folla de ruta da xestión do goberno provincial, apoiando as propostas do sector e fomentando a súa vez o asociacionismo no noso territorio”, dixo a xerente do Inorde. O obxectivo desta liña de axudas é “atender as necesidades que teñen as asociacións de comerciantes e axudarlles a realizar actividades que contribúan a reactivar o comercio de proximidade, que tan importante é na fixación de poboación do rural que se artella en torno a vilas coma esta”, engadiu Emma González.
Ademais, deste modo, “logramos fortalecer o propio asociacionismo como ferramenta para impulsar a cooperación, tanto público-privada, como a do sector entre si”, salientou a xerente do Inorde.
II Feira do Comercio Prolimia
A Feira do comercio local Prolimia ten como obxectivo activar e dinamizar as ventas na vila a finais de verano. Este ano ademais, pretende dar mostra do asociacionismo tendo no seu propio stand da feira, representadas todas as asociacións que estean vencelladas á Limia, como explicou a presidenta de Prolimia, Concepción Conde.
A programación comezou hoxe e inclúe degustación de produtos aportados polos negocios da comarca da Limia, obradoiro de barro, e bingo. O sábado continúan as actividades trala apertura da feira ás 10.00 horas cunha sesión vermú con disco móbil, ao igual que o domingo, ao que se suma ademais o obradoiro de barro, e o sorteo dunha viaxe.
Ademais, o programa complétase con obradoiros de macramé impartidos por Artesanía Rosa durante os tres días que dura a feira, con inchables para os máis cativos, cun torneo de minibasket Prolimia e con premios ao momento con “Descubre o Comercio”.