A xerente do Inorde, Emma González, visitou hoxe a 41ª edición do Festexo da Pataca de Vilar de Barrio que este ano pon en valor “a pataca de secano”. O Inorde colabora con esta celebración a través dun stand propio no que exhibe as razas autóctonas (ovella galega, cabra galega e porco celta), así como co Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, co obxectivo de dar a coñecer entre os visitantes “o traballo que realiza este organismo a prol do sector primario, sobre todo, nunha comarca coma a da Limia na que a agricultura e a gandaría son eixos fundamentais do desenvolvemento económico e social da zona”, destacou Emma González.
Nesta edición, como novidade, celebrouse un acto de hermanamento cos produtores de Coristanco que tamén apostan pola pataca de secano. Na Feira déronse cita máis de vinte produtores no Toural que amosaronn, desde as 10.00 horas, as súas mellores patacas. Pero, ademais, hai espazo dedicado a expositores de maquinaria agraria, concursos, degustacións e catas de viños.
No apartado de concursos haberá premios para a pataca máis grande, a pataca máis rara, para o conxunto de produtos de outono e para os produtos de outono individuais, e os interesados en participar deberán presentar o seu produtos antes das 16.30 horas. Para os máis cativos, ademais de inchables gratuítas, haberá un concurso de manualidades que premiará con trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría (de 0 a 5 anos, de 6 a 9 anos, e de 10 a 12 anos), e agasallarán a todos os participantes que decidiran presentarse ao certame.