A Xurés Bike Tour 2026 consolida a súa proxección nacional e internacional con participantes de España e Portugal

 

A Xurés Bike Tour 2026 volveu confirmar o seu crecemento como unha das probas de referencia do ciclismo de montaña no noroeste peninsular, reunindo a deportistas procedentes de Galicia, Castela e León, Estremadura, Madrid e Portugal nunha edición marcada pola esixencia deportiva, a espectacularidade dos percorridos e a promoción do territorio transfronteirizo Xurés-Gerês.

A proba está  promovida pola  Diputación Provincial de Ourense, a través do Inorde e co apoio da Xunta de Galicia

A proba contou con participantes chegados desde as provincias de Pontevedra, Ourense, A Coruña, Lugo, #León, Cáceres e Madrid, alén de corredores portugueses, reflectindo o crecente atractivo dunha cita que ano tras ano amplía o seu alcance máis aló de Galicia e consolídase como un referente para o BTT da Península Ibérica.

Por volume de participación, Pontevedra foi a provincia con maior representación, seguida de Ourense e A Coruña, confirmando o forte arraigamento do ciclismo de montaña en Galicia e a capacidade da Xurés Bike Tour para atraer corredores de diferentes territorios.

Brandán Márquez e Eva Ortega, vencedores da clasificación individual

Na clasificación individual masculina, a vitoria absoluta foi para Brandán Márquez Fernández, do VBikes Team, que completou as dúas etapas cun tempo acumulado de 4 horas, 41 minutos e 23 segundos, impoñéndose con autoridade nunha edición especialmente esixente.

A segunda posición foi para Roi Álvarez Álvarez, do CC Garaxe Corse, mentres que o terceiro posto ocupouno Yago Fernández Pampín, do Bici-Verde, completando un podio de gran nivel competitivo.

En categoría feminina, a vencedora foi Eva Ortega Aguilar, do V Bikes Team, que se proclamou gañadora tras completar o percorrido en 6 horas, 6 minutos e 34 segundos, consolidando o crecente protagonismo feminino dentro do ciclismo de montaña e da propia proba.

Vigo Master Club conquista a clasificación por parellas

Na modalidade de parellas masculinas, a vitoria foi para David Rodríguez Díaz e Alberto Fernández Encina, representantes do Vigo Master Club, que completaron as dúas etapas cun tempo acumulado de 5 horas, 43 minutos e 58 segundos.

A segunda posición correspondeu á parella formada por David Costas González e José Blanco González, do club Vagalume, mentres que o terceiro posto foi para Óscar Cruz Pazo e José Manuel Blanco, do Clube Ciclista Duas Rodas.

Na categoría de parellas mixtas, a vitoria foi para Manuel Ángel Areán Rico e Jenifer Guerrero Abella, do C.C. Creto Bikes, por diante de Lucía Troitiño Rey e Nemesio Gallardo Estevez, do Gallardo Ebike Team, poñendo de manifesto o crecemento desta modalidade dentro da competición.

Unha proba que impulsa o territorio

Máis aló do aspecto deportivo, a Xurés Bike Tour continúa consolidándose como unha importante ferramenta de promoción turística e económica para a comarca, proxectando a imaxe do Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés e do territorio transfronteirizo con Portugal entre deportistas, acompañantes e afeccionados.

A presenza de corredores procedentes de distintos puntos de España e Portugal, xunto ao elevado nivel competitivo exhibido durante toda a fin de semana, reforza o posicionamento da proba como unha das grandes citas do calendario BTT do noroeste peninsular.

In this article:
Share on social networks: