As bases desta convocatoria, publicadas no Boletín Oficial da Provincia o día 18 de febreiro, regulan a tramitación e concesión de subvencións para o financiamento de accións de dinamización e promoción do comercio local realizadas por ditas entidades ou por asociacións empresariais municipais ou comarcais da provincia das que formen parte comerciantes
O Boletín Oficial da Provincia publicaba, o pasado 18 de febreiro, as bases reguladoras da convocatoria de axudas para o financiamento de accións de dinamización e promoción do comercio local realizadas por asociacións de comerciantes e tamén por asociacións empresariais municipais ou comarcais da provincia de Ourense das que formen parte comerciantes durante o ano 2023.
Esta convocatoria, posta en marcha por primeira vez polo Inorde o ano pasado, pretende “colaborar coas demandas das asociacións da provincia para apoialas no desenvolvemento das súas actividades que contribúen a reactivar o comercio de proximidade. Ademais, este tipo de iniciativas, fortalece o propio asociacionismo como ferramenta para impulsar a cooperación, tanto público-privada, como a do sector entre si”, lembrou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
Segundo as bases, consideraranse accións de dinamización e promoción do comercio local, entre outras, as exposicións e certames orientados á comercialización de produtos locais e ás campañas dirixidas á captación de socios e potenciais clientes. Cada entidade interesada presentará un único proxecto relativo a unha acción ou a un conxunto de accións. En todo caso, só poderán ser obxecto de subvención os proxectos cuxo orzamento sexa, como mínimo, de 4.000 euros, sendo o importe total máximo do proxecto de 15.000 euros. A contía da axuda pode alcanzar ata o 80% do investimento, non podendo superar os 12.000 euros.
Os interesados en participar en dita convocatoria xa poden presentar a súa solicitude ata o 23 de marzo de 2023. As solicitudes, subscritas polo representante legal da entidade interesada, serán dirixidas á Presidencia do Inorde, presentaranse de forma telemática, a través do Rexistro Xeral da sede electrónica da Deputación de Ourense, (https://sede.depourense.es/), a través do catálogo de trámites do rexistro electrónico, no que se utilizará o trámite denominado “solicitude de propósito xeral”.
Para máis información: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=41&fecha=20230218