Avances na construción da primeira terma ao aire libre totalmente accesible de España, na área de O Bañiño, en Punxín

  • O proxecto, cofianciado pola Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, para realizar unha piscina adaptada a persoas con mobilidade reducid,a conta cunha inversión de 36.705 euros e enmárcase no Plan de Sustentabilidade en Ourense Termal
  • A obra xa recibiu as autorizacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e complementará outras actuacións na área termal de Punxín financiadas pola institución provincial
  • A actuación inclúe tamén a disposición dunha cadeira de rodas feita con materiais plásticos para meter na auga e evitar a súa oxidación, o que permite ao usuario acceder ás pozas con total seguridade

O Inorde, organismo adscrito á Deputación de Ourense, consolida a súa aposta polo termalismo cos avances nunha actuación estratéxica na área termal de O Bañiño, en Punxín. A institución provincial, a través do Plan de Sustentabilidade en Ourense Termal, cofinanciado coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, promove unha obra que permitirá realizar unha piscina adaptada e accesible a persoas con mobilidade reducida.

A actuación, que dispón dunha autorización previa da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, completa outras accións de mellora financiadas pola Deputación nesta área termal municipal. Cun orzamento total de 36.705,59 euros, esta intervención busca converter O Bañiño nun destino de benestar termal accesible para todo tipo de usuarios, ao tempo que reforza a imaxe de Ourense como enclave punteiro no sector.

Actualmente, O Bañiño dispón de dúas pozas, ás que se accede a través de unhas pequenas escaleiras de pedra. Se ben dispoñen de barandas a ambos lados para facilitar a accesibilidade, non son axeitadas para o baño de persoas en cadeira de rodas ou con problemas de mobilidade.

Mellora integral da accesibilidad

Nesta liña, para a construción da piscina especialmente accesible a persoas en cadeira de rodas, aproveitarase a disposición das pozas actuais e a pendente do terreo, construíndo un acceso en rampla.

Ademais, para entrar, disporase dunha cadeira acuática especial para o uso en piscinas. As cadeiras convencionais están fabricadas con metais que se estragan co cloro das piscinas, a auga salgada ou, como é neste caso, polos elementos disolvidos na auga como o xofre. Porén, a cadeira de rodas acuática está fabricada en materiais plásticos na súa totalidade, sen de ningunha peza metálica que poida ser susceptible de oxidación ou degradación.

Unha área con continuas melloras

Esta área termal, de titularidade municipal, sitúase ao aire libre e conta con autorización de uso lúdico por parte da Xunta de Galicia. Durante o ano 2022 realizáronse obras de acondicionamento, dotando á área termal de servizos e instalacións necesarios para a súa posta en marcha. Nestas obras, incidiuse, na medida do posible, na adaptación das instalacións para que foran accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Ademais de construír unha terma totalmente accesible, as actuacións comprenderán tamén a instalación dun sistema de tratamento das augas residuais xeradas durante a limpeza das piscinas, mellorando así o respecto polo medio ambiente, xa que se evitarán os vertidos ao río.

Grazas ao apoio do Inorde e á colaboración institucional no marco do Plan de Sustentabilidade en Ourense Termal, O Bañiño dá un paso máis cara a ser un destino termal inclusivo e de referencia en Galicia. O carácter aberto e de titularidade municipal desta área, xunto co aval da Xunta de Galicia para o seu uso lúdico, reforza a proxección do enclave como un espazo atractivo para veciños e visitantes, sustentable e accesible, converténdose nun exemplo pioneiro dentro da rede de instalacións termais en todo o Estado.

 

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email