Inauguración da IX edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, Ourense Vinis Terrae

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe en Expourense, na inauguración da novena edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, Ourense Vinis Terrae, que durante hoxe e mañá reunirá a 58 expositores de 69 adegas galegas a través dun formato híbrido.

Na súa intervención, Rosendo Fernández destacou o apoio da Deputación de Ourense e do Inorde con este evento porque “somos conscientes de que o viño é para o noso territorio un dos seus eixos estratéxicos da súa economía”.

O Inorde colabora con esta novena edición promovendo accións formativas que contribúan á dixitalización do sector vitivinícola, a través dunha masterclass que correu a cargo dunha prescriptora Master of Wine como Sarah Jane Evans; e continuará cunha xornada formativa sobre a comercialización do viño a través de canles dixitais. O obxectivo desta última acción, que terá lugar o mércores, 16 de xuño, é ofrecer “aos nosos adegueiros ferramentas para que poidan mellorar a súa comercialización sobre todo no comercio exterior”, salientou Rosendo Fernández. Ambas actividades desenvólvense no marco do proxecto europeo Red Agriconect 4.0 do que o Inorde é socio e que estará presente cun punto de información durante os dous días de celebración do Salón.

Rosendo Fernández desexoulles moitos éxitos aos participantes en “Ourense Vinis Terrae” para que logren establecer lazos comerciais cos seus mercados de interese. Nesta IX edición participarán 25 países e durará máis ca nunca ao incluír na súa programación actividades previas e posteriores ao salón. Na inauguración tamén participou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez; o presidente do Consello Regulador da D.O. do Ribeiro, Juan Manuel Casares; e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email