Manuel Baltar pon a Ourense Strade Termal como exemplo de cooperación transfronteiriza

O presidente da Deputación remarcou a capacidade desta proba como “polo de atracción socioeconómico” e incidiu na importancia da colaboración interadministrativa

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou que “apostar por Ourense é apostar por Galicia”

A proba conta con máis de 400 inscritos de 19 provincias de España

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, sinalou na presentación da quinta edición da Ourense Strade Termal, en Maus de Salas (Muíños), como esta proba, de “carácter pioneiro”, é todo “un acerto” e “un exemplo de cooperación transfronteiriza” capaz de converterse en “polo de atracción socioeconómico para Muíños, a provincia e toda Galicia”.

O presidente do goberno provincial chamou a aproveitar as potencialidades da provincia de Ourense -“coma a fronteira con Portugal”- e a importancia da cooperación interadministrativa, lembrando o sólido apoio da Deputación ao programa Xurés Experience, a través de acordos como os plasmados na recente reunión cos alcaldes da comarca da Baixa Limia no Balneario de Lobios.

Pola súa parte, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente da Axencia de Turismo de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou na súa intervención que “apostar por Ourense é apostar por Galicia, xa que a provincia concentra e resume o mellor da comunidade autónoma”. 

Na presentación da proba tamén interviron o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, que agradeceu a colaboración e o esforzo da Deputación e a Xunta de Galicia na organización desta proba e sinalou a importancia destas accións no desenrolo do municipio; a xerente do Inorde, Emma González e o director técnico da proba, Serafín Martínez. Os intervintes estiveron acompañados, entre outros, pola rexedora de Lobios, María del Carmen Yáñez; o vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre, David Teixeira e o xefe de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices.

Quinta edición da Ourense Strade Termal

Os cicloturistas apaixonados do “sterrato” volven a ter unha cita ineludible coa provincia do Ourense o vindeiro 30 de abril con esta nova edición da “Ourense Strade Termal”, que levará aos deportistas a descubrir fermosas paraxes ourensáns da Serra do Xurés a través dun percorrido por Muíños, Lobios e Calvos de Randín. Ademais, tras limitar o trazado da proba o ano pasado á provincia de Ourense por mor da pandemia, este ano a “Strade Termal” volverá a cruzar a fronteira para chegar a Pitoes das Júnias e a Tourem (Cámara Municipal de Montalegre).

O director técnico da proba informou que rexistráronse ata este momento máis de 400 participantes procedentes de 19 provincias, que ademais descubrirán os dous novos tramos de “sterrato” que estreamos no percorrido deste ano, precisamente aquí, no municipio de Muíños”. A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, conta con dous percorridos: o gran fondo de 115 quilómetros e o mini fondo de 75 quilómetros. Dúas distancias, con zonas de “sterrato”, nas que os participantes coñecerán enclaves emblemáticos como A Cela (Lobios), o Complexo Deportivo do Corgo e Maus de Salas. 

Actividades paralelas

Co fin de optimizar a dinamización turística desta actuación, como novidade o Inorde programou coa colaboración do Concello de Lobios e das empresas locais, diversas experiencias no Xurés a modo de programa complementario. Este ofrece en paralelo o sábado 30 de abril unha ruta de sendeirismo pola Vía Nova ata a Corga da Fecha, que terá lugar desde as 9.30 ás 13.00 horas. Unha ruta de dificultade baixa, cun percorrido de 8,5 quilómetros, que terá a saída e a chegada no Balneario de Lobios. Os inscritos poderán descubrir lugares de interese como a Mansio “Aquis Ogeresibus”, Miliarios romanos, a fervenza, e o Río Caldo. 

Pola tarde, está previsto un obradoiro de cestería desde as 16,00 ás 18,00 horas no edifico multiusos de Lobios. O prezo para participar é de 25 euros (inclúe o material) e consistirá na elaboración dunha bandexa coa técnica “Cú de queixo!”

Para o domingo, 1 de maio, de 09,00 ás 13,30 horas, organízase unha ruta polas aldeas de Lobios: A Cela, Guende e Puxedo. Unha proba cunha dificultade media, de 8 km de distancia, con transporte en autobús incluído.

 

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email