Montalegre volve a escoller a Ourense para presentar a maior competición do mundo de Rallycross

Tras ser presentada en Montalegre e no Porto, esta proba automobilística de primeiro nivel o “Lusorecursos World RX de Portugal”, achégase a nosa provincia antes da súa celebración os días 17 e 18 de setembro, coa novidade da categoría raíña con vehículos eléctricos

O presidente do Inorde agradeceu a Montalegre que, unha vez máis, escolleran “a nosa provincia para presentar esta proba de proxección internacional nun territorio como o noso onde existe tanta afección polo automobilismo” e destacou a “alianza estratéxica” que existe entre ambos territorios

Ourense, 15 de setembro de 2022.-Ourense acolleu hoxe, como xa é tradicional, a presentación da proba portuguesa do Campionato do Mundo de Rallycross FIA “Lusorecursos World RX de Portugal”, tras ser presentada oficialmente en Montalegre e na Casa da Música, no Porto. A competición, que terá lugar os días 17 e 18 de setembro, chega a Ourense para presentar ao publico español esta proba que conta cunha forte presenza de afeccionados de de Galicia e, sobre de todo, da nosa provincia.

A presentación da competición, que tivo lugar na rúa Cruz Vermella, correu a cargo do presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente; o vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre, David Teixeira; o responsable de comunicación do Circuito Internacional de Montalegre, Ricardo S. Araújo; o presidente do Club Automóvel de Vila Real, Jorge Almeida, e de dous pilotos que participarán precisamente nesa noca categoría raíña de vehículos eléctricos.

Concretamente, participaron neste acto dous pilotos oficiais de Construction Equipment Dealer Team, o finlandés Niclas Grönholm, gañador da carreira de Montalegre en 2021 e fillo do bicampión do WRC, Marcus Grönholm; e a sueca Klara Andersson, a única muller do Campionato do Mundo, que este ano participa por primeira vez nesta proba en Montalegre.

Ademais, a competición estrea, este ano, a nova categoría raíña, a RX1E, con vehículos 100% eléctricos, considerada o futuro do automobilismo en circuíto que xa é unha realidade, co debut destes vehículos que prometen ser máis rápidos que os supercars. A nova categoría traerá a Montalegre a oito participantes divididos en catro equipos.

Os novos coches FIA World RX contan con dous motores eléctricos (un para cada eixe), 500 kW de potencia (o equivalente a 680 CV) e un par de 880 Nm, dispoñibles ao instante. Ademais da clase raíña, Montalegre tamén acollerá os Supercars (Euro RX1) e S1600 (Euro RX3), coches con motores de gasolina que compiten no Campionato Europeo de Rallycross da FIA.

Esta cita portuguesa do Campionato do Mundo de Rallycross foi presentada novamente en Ourense con quen mantén históricas relacións de cooperación con Montalegre. Neste sentido, Rosendo Fernández agradeceu aos parceiros portugueses que, unha vez máis, escolleran “a nosa provincia para presentar esta proba de proxección internacional nun territorio como o noso onde existe tanta afección ao automobilismo” e destacou a “alianza estratéxica” que existe entre ambos territorios para potenciar o traballo en rede xa que “existe unha fonda vinculación entre Ourense e Portugal, territorios que tamén comparten a fronteira máis extensa entre España e Portugal, fronteira que lonxe de distanciarnos é lugar para achegarnos”.

Pola súa parte, o vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre agradeceu ao Inorde “a posibilidade de estar novamente en Ourense, nesta gran cidade, para presentar o noso maior evento deportivo” e lembrou que co Inorde xa cooperan en numerosos ámbitos como o turismo deportivo e a promoción dos territorios.

O Lusorecursos World RX de Portugal é un evento que acolle “dúas probas –sábado e domingo- nun mesmo fin de semana. Este ano temos o Campionato do Mundo de RallyCross como xa é tradición, xa que Montalegre organizou a primeira proba do mundo do RallyCross no 2014. Un circuíto que esperamos que acollerá ao longo destes dous días a máis de 20.000 afeccionados de distintos puntos de Galicia e España e, polo tanto, consideramos este evento luso-galaico”, dixo Ricardo S. Araújo. Este ano ademais, inauguramos unha nova era, a dos vehículos eléctricos, xa que o mundo automobilístico tamén deben acompañar estas novas esixencias de sustentabilidade ambiental”, engadiu o responsable de comunicación do Circuito Internacional de Montalegre.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email