Ourense, 12 de abril de 2021.- O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde atópase estes días a pleno rendemento porque coa chegada do bo tempo no pasado mes de marzo están moi adiantados os labores de preparación dos solos destinados ó cultivo da pataca da Limia. Unha parte fundamental de dita preparación é a realización dunha análise de solo que permita mellorar a rendibilidade das explotacións ao asegurar unha correcta fertilización e posibilita unha maior produción e calidade, sen que isto supoña un prexuízo para o medio natural.
Por elo, o laboratorio do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde atópase nestes días a plena produtividade xa que unha parte importante das máis de 3.000 analíticas anuais de solo que realiza se corresponden con solos de cultivo de cereal e pataca da Limia.
En relación ó cultivo da pataca, o laboratorio do Inorde realiza anualmente preto de 1.700 analíticas de determinación de presencia na terra de cistes de Globodera spp, patóxeno que causa importantes perdas económicas neste cultivo e no que o Centro Agrongandeiro é o único laboratorio acreditado pola Empresa Nacional de Acreditación (ENAC) no ámbito estatal para a súa determinación.
Así mesmo, cabe destacar o importante investimento que o Inorde realiza no mantemento deste tipo de solucións técnicas co fin último de lograr un sector primario forte, tecnificado e competitivo sen que isto leve asociado un menoscabo do necesario respecto ó medio ambiente.