Alumnado do Obradoiro da Mancomunidade de Verín 2023 visitou, acompañado polo seu monitor, as instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro para coñecer en primeira persoa o traballo diario que realiza este laboratorio en materia de analíticas de solo, así como as recomendacións de fertilización que se realizan en base as mesmas.
O alumnado coñeceu as técnicas que este centro, que conta coa acreditación da ENAC 17025 en ensaios de solo, realiza á hora de ofertarlles un servizo aos agricultores da provincia de Ourense. Un traballo que lles permite contar coa información necesaria para fertilizar os seus cultivos dun xeito medioambientalmente sostible sen que isto perxudique a rentabilidade das súas explotacións.
Durante a visita tamén puideron realizar prácticas en relación co cultivo da viña na finca experimental que a Deputación de Ourense, a través do Inorde, mantén no concello de Monterrei.