O Inorde doa 44.000 kg de patacas nos últimos dous meses a diferentes entidades sociais

O Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, vén de doar 10.000 kg de patacas da Limia, ao Banco de Alimentos de Ourense, continuando con esa alianza de colaboración coas entidades sociais da nosa provincia “que fan un labor encomiable coas familias que máis o precisan”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández. durante a entrega destes produtos ao presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices.

Esta entrega de 10.000 kg dun produto de primeira necesidade como é a pataca, súmase aos 20.000 kg entregados tamén no pasado mes de decembro ao Banco de Alimentos, e aos 6.000 kg a Cáritas e 3.000 Kg ao CD Rural O Viso. Ademais, neste mes de xaneiro tamén se lle fixo unha nova doazón a Cáritas de 5.000 kg. En resumo, “o Inorde conseguiu achegar un total de 44.000 kg de patacas a diferentes entidades sociais, nun momento no que precisan tanto a colaboración e axuda das institucións públicas para poder continuar a prestar os seus servizos aos máis desfavorecidos”, salientou Rosendo Fernández.

Cabe recordar tamén o compromiso que mantén, desde hai anos, o Inorde coa problemática social da nosa provincia e que se viu materializado con actividades formativas e integradoras que se realizan a través dun convenio con Cáritas Ourense, para dotar de ferramentas técnicas e sociais que permitan ao alumnado en risco de exclusión social desempeñar un traballo no sector primario. “Un traballo do máis gratificante porque nos permite dar opcións laborais de futuro a persoas que o precisan, así como, doar o froito do seu traballo nas fincas experimentais que temos na comarca da Limia, a comedores sociais, parroquias e diferentes entidades, reforzando a implicación social deste organismo”, explicou o presidente do Inorde.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email