A xerente do Inorde, Emma González, asistiu hoxe, en Xinzo, a asemblea dos membros da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, convidada polo seu presidente, Amador Díaz. A reunión foi convocada para expoñer aos socios os detalles dunha candidatura que será presentada entre ambas entidades á convocatoria da Asociación Europea da Innovación, que ofertou a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
O obxectivo da xuntanza é crear “un grupo operativo entre ambas entidades, que nos permita ir da man, na demanda destes fondos europeos, que subvencionarán ao 100% proxectos innovadores que aposten pola sustentabilidade no sector agrario e lograr orzamento para desenvolver unha iniciativa crucial para o regadío na Limia”, explicou Emma González.
Cabe lembrar que o Inorde é pioneiro nesta comarca en desenvolver iniciativas formativas e de sensibilización en materia de dixitalización dos procesos agrícolas, a través do proxecto europeo Red Agriconect 4.0. Pero, con esta candidatura, “poderiamos lograr un proxecto que será fundamental na transformación competitiva e sostible dun sector de bandeira para Ourense e Galicia como é a produción de pataca de calidade na comarca da Limia”, destacou a xerente do Inorde.
A finalidade destas axudas é potenciar os proxectos colaborativos en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola. Por elo, o Inorde e a Asociación de Prodcutores de Pataca da Limia pretenden desenvolver, a través deste fondos, un proxecto de modernización das explotacións pataqueiras da comarca mediante unha dixitalización da práctica de rega grazas a un manexo innovador da sensorización, tanto nos cultivos como no mesmo solo produtivo. O obxectivo último deste proxecto que se presenta é o aumento da rendibilidade das explotacións agrícolas facendo un correcto emprego dos recursos naturais e primando, sobre todo, a conservación do medio ambiente a través de prácticas que non sexan nocivas co mesmo.