Rosendo Fernández e Alfonso Rueda asinaron, no Inorde, un convenio entre ambas entidades a través do cal se realizarán diversas actividades que fomentarán Galicia e Ourense como destinos turísticos de calidade
O orzamento do convenio ascende a 62.500 euros destinados a promocionar a comunidade e a provincia de Ourense en eventos deportivos como o Campionato de Europa Junior de Rallies, o Gladiator Race Nocturno Via Nova de Muíños, o Trail Xurés, así como competicións de ciclismo e deportes náuticos
Ourense, 1 de maio de 2021.-O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinaron, no Inorde, un convenio de colaboración entre ambas entidades para a realización de diversas actividades de dinamización turística da provincia de Ourense. “Esta alianza de cooperación que renovamos un ano máis permite desenvolver diferentes eventos que conseguen atraer a numerosos visitantes ao noso territorio, poñendo en valor os nosos recursos turísticos, naturais e patrimoniais”, explicou o presidente do Inorde.
No marco deste convenio realizaranse ao longo do ano diferentes probas que “revalorizan os recursos turísticos ourensáns influíndo positivamente no desenvolvemento económico e social sostible da provincia”, salientou Rosendo Fernández. Así mesmo, este tipo de actividades contribúen a “desestacionalizar a oferta turística, promocionar o noso potencial turístico a través do deporte e ser un pulo para os sectores económicos de proximidade”.
Esta colaboración da Xunta de Galicia permitirá seguir dando a coñecer Galicia e Ourense en distintos eventos deportivos previstos para este ano na provincia nunha aposta por presentar Galicia como un destino de calidade e sustentable cunha oferta competitiva. Neste sentido, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destaca a variedade de recursos turísticos da provincia como o turismo termal e deportivo, o enoturismo ou a gastronomía. Ademais, a Xunta apoia o proxecto Ourense Termal da Deputación ourensá pola súa contribución a un turismo sostible acorde co modelo turístico de Galicia, polo que ten solicitado á Secretaría de Estado de Turismo a súa inclusión nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino deste ano.
O convenio inclúe diferentes actividades encamiñadas á dinamización, promoción e fomento do turismo en Ourense, entre as que se encadra o apoio á promoción dos recursos turísticos da comunidade galega e a provincia ourensá no Campionato de Europa Junior de Rallies previsto para mediados de xullo se a situación sanitaria o permite; a 4ª edición da Gladiator Race Vía Nova en Muíños, a primeira proba de obstáculos nocturna en España, ou o Trail do Xurés, así como distintos eventos vencellados co ciclismo e cos deportes náuticos na provincia. Deste xeito, promocionaranse actos relacionados co remo, a vela ou o piragüismo co obxectivo de potenciar o destino para o Adestramento de equipos internacionais na contorna de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño.O orzamento destinado ás mencionadas actividades ascende aos 62.500 euros, dos cales a Vicepresidencia Primeira, a través de Turismo de Galicia, achega 52.000 euros, e o Inorde os 10.500 euros restantes.
Durante a sinatura do convenio estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; e o xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia.