O Inorde e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense exploran posibles liñas de colaboración entre ambas entidades para desenvolver proxectos no ámbito do sector primario. Así o analizaron o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, co presidente, vicepresidente e secretario do Colexio, Manuel Rojo, José Paz e Miguel Ángel Viso, respectivamente, durante a visita ás instalacións e á finca de ensaio do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde. Durante a mesma, o presidente do Inorde destacou a importancia da cooperación entre os distintos axentes implicados no sector primario “para establecer sinerxías que favorezan o correcto desenvolvemento do mesmo”.
A visita comezou na finca de ensaios que o Inorde destina ao cultivo da vide, situada no municipio de Monterrei, ao carón do Castelo que comparte nome co mesmo. Nela atópanse cepas de treixadura, godello, dona branca, mencía, arauxa e o resto das case 40 castes que compoñen o reservorio varietal que conforman a hectárea de terreo destinada a experiencias de campo en relación con este cultivo tan importante no entramado produtivo ourensán. Durante a visita, tamén estiveron o alcalde do municipio, José Luís Suárez; e en representación do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei, Natalia González.
O coidado sostible do viñedo, a orientación ecolóxica, a defensa das variedades locais, a tecnificación e dixitalización do cultivo e, sobre todo, o potencial enoturístico das instalacións e campo que compoñen a finca experimental de Monterrei, foron os temas expostos sobre os que cimentar as actividades colaborativas entre as distintas entidades.
A continuación, a visita trasladouse ás instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, onde o presidente e a xerente do Inorde deron a coñecer aos membros do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense, as actividades que alí se desenvolven e que están centradas no asesoramento agrícola en apoio aos agricultores ourensáns.
Os representantes do Colexio tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os servizos que presta o Inorde en relación á xestión económica e medioambiental das explotacións, centradas nos cultivos de maior desenvolvemento social como poden ser o cereal, a pataca, a horta e o castaño, así como as que están vinculadas ao desenvolvemento de cultivos de menor extensión pero que teñen un marcado carácter innovador como arándanos, olivos, ou legumes. Ademais, coñeceron o laboratorio de análises de solos, calidade de cultivo, abonos orgánicos, fitopatolóxicos… que conta coa acreditación ENAC, que xunto ao apoio técnico e aos programas de formación, foron os temas sobre os que pivotaron as ideas que se converterán en futuros proxectos de colaboración.
Así mesmo, o presidente do Inorde explicoulles os principais proxectos que actualmente se están a levar a cabo en relación co sector como poden ser Soil Diver Agro, Agriconect ou Circular Labs, ademais dos convenios de colaboración que o Inorde mantén con outras institucións como Cáritas Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre.
A xornada rematou cunha visita á finca de ensaios Antela na que o Inorde desenvolve experiencias de campo en relación con cultivos como cereal e pataca e que na presente campaña soporta a maioría da parte experimental do mencionado proxecto Soil Diver Agro.