O INORDE e Turismo de Galicia promocionan a provincia de Ourense como destino turístico

Ourense, 6 de xuño de 2016.- Turismo de Galicia achegará 100.000 euros para a dinamización turística da provincia de Ourense. Así se recolle nun convenio de colaboración asinado esta mañá entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), Rosendo Fernández, nun acto que contou tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Nava Castro explicou que o acordo pretende impulsar os recursos turísticos propios da provincia como o termalismo, a enoloxía ou a natureza para desestacionalizar a demanda con accións de promoción en mercados de proximidade. Desta maneira, consolidarase Galicia como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e de calidade, segundo explicou.
Ademais, a directora de Turismo de Galicia afirmou que grazas á colaboración interadministrativa, plasmada na sinatura deste acordo, conseguirase unha xestión eficaz dos recursos e afianzarase un “destino xerador de emprego e redistribuidor de riqueza”. Nesta liña, Nava Castro asegurou que con este convenio o turismo na provincia de Ourense continuará coa tendencia positiva rexistrada en 2015, con 286.370 viaxeiros que realizaron 541.736 pernoitas hoteleiras, un 9% e un 8,3% máis, respectivamente, que no ano anterior.

Turismo deportivo y termal
En base ao convenio, desenvolveranse actuacións relacionadas co deporte como a promoción do Centro de Adestramento de Remo Laias, Arnoia e Castrelo de Miño nas Olimpíadas de Río 2016, a elaboración dun plan director para esta entidade e a dotación de equipamento para o campo de regatas Arnoia – Laias.
Ademais, investirase en promover e comercializar o termalismo, un dos principais atractivos turísticos da provincia, incluíndo o termalismo deportivo e con actos a nivel internacional.

‘Galicia a todo tren’ e enogastronomía
Financiaranse tamén as actuacións do programa ‘Galicia a todo tren’, que un ano máis estará en marcha na provincia e no resto da Comunidade. Así mesmo, ampliarase o espazo para exposicións na aula do tren da estación dos Peares e manteranse os centros de interpretación das estacións de Santa Cruz, Os Peares e Baños de Molgas.
Tamén se distribuirá material promocional sobre a oferta turística da provincia e realizaranse outras actuacións, algunhas encamiñadas a poñer en valor grandes atractivos turísticos da provincia como a enoloxía ou a gastronomía como, por exemplo, a participación na feira Xantar.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email