O INORDE organizou unha visita guiada pola cidade de Ourense para os participantes no Virtus World Short Track Championships

A cidade de Ourense acolleu entre os días 4 e 9 de marzo de 2026 o Virtus World Short Track Championships, un Campionato do Mundo de atletismo en pista cuberta para deportistas con discapacidade intelectual celebrado nas instalacións de Expourense. A competición reuniu a 113 atletas procedentes de 11 países, convertendo a cidade nun punto de encontro internacional do deporte adaptado.

O evento estivo organizado pola Federación Española de Deportes para Personas con Discapacidad Intelectual (FEDDI), entidade membro de Virtus, a organización internacional de referencia neste ámbito que conta con máis de medio millón de atletas federados en todo o mundo. Na cita participaron deportistas de Bulgaria, Francia, Italia, República Checa, Turquía, Polonia, Portugal, Suecia, Ucraína e un equipo neutral, ademais da delegación española.

Durante os días de competición destacaron importantes fitos deportivos, entre eles o récord mundial acadado por David José Pineda, nun campionato marcado polo alto nivel competitivo e polos valores de superación, inclusión e compañeirismo que caracterizan o deporte adaptado.

No marco desta cita internacional, o INORDE organizou o domingo unha visita guiada pola cidade de Ourense dirixida aos participantes, que se desenvolveu entre as 15:30 e as 17:00 horas. A actividade permitiu achegar aos atletas e ás súas delegacións o patrimonio, a cultura e algúns dos principais atractivos da cidade.

A celebración deste campionato supón un importante impulso para a proxección internacional de Ourense, consolidándoa como sede de grandes eventos deportivos e como referente no ámbito do deporte inclusivo.

In this article:
Share on social networks: