O Inorde promove a dixitalización en viticultura cunha xornada formativa en cada unha das Denominacións de Orixe da provincia

Esta actividade, que se enmarca dentro do proxecto europeo Red Agriconect 4.0, está dirixida a adegas e a empresas do sector vitivinícola

O obxectivo desta actividade é “dotar de ferramentas a este tecido produtivo para que mediante o uso de aplicacións dixitais dispoña de información que lle permita a axeitada planificación da plantación, co fin de afrontar o reto do cambio climático e incrementar a rendibilidade”, explicou a xerente do Inorde

Ourense, 9 de agosto de 2021.-O Inorde promove a dixitalización en viticultura a través dunha acción formativa que consiste nunha xornada teórico-práctica baixo o título “Apoio á toma de decisión en viñedo” que organiza en cada unha das catro Denominacións de Orixe da provincia de Ourense. Esta iniciativa, que se enmarca dentro do proxecto europeo Red Agriconect 4.0, está dirixida a adegas e a empresas do sector vitivinícola.

Con esta nova actividade pretendemos “dotar de ferramentas ao sector vitivinícola para que poida transformarse dixitalmente, nun momento actual no que a tecnificación e o emprego das novas tecnoloxías é imprescindible na maioría dos sectores produtivos para poder aumentar a súa rendibilidade tanto en relación á diminución de custes de cultivo como no aumento de beneficio que lle pode reportar a mellora no referente á calidade como, por exemplo, a apertura a un mercado cada vez máis global”, explicou a xerente do Inorde, Emma González.

Desde o Inorde consideramos que o cultivo da vide e a transformación das uvas en viños de calidade é un dos principais alicerces económicos de Ourense, por elo creemos que é “fundamental apoiar ó sector mediante a organización dunha serie de xornadas formativas, repartidas polas catro Denominacións de Orixe Vitivinícolas ourensás, centradas precisamente en informar ós actores do sector das vantaxes que os procesos de dixitalización e sensorización lle poden aportar ás súas empresas”, engadiu a xerente do Inorde.

Un correcto manexo das enfermidades e pragas que poden atacar ó viñedo, baseado nun coñecemento exacto das condicións meteorolóxicas que lle afectan os mesmo, converterase (se non o é xa) en práctica fundamental nas estratexias que conforma a xestión integrada de pragas; por tanto, o emprego de sensores e ferramentas dixitais permitiranlle ó viticultor establecer programas de loita que, por un lado, lle aseguren a necesaria rendibilidade do seu traballo, pero que, por outro, axuden a manter o medio natural nun estado saudable.

Ademais a posibilidade de emprego de métodos de imaxe remota, como os drons, e a interpretación do seu procesado axudaran á hora de establecer programas de fertilización racional ou a determinación de carencias nutricionais. Do mesmo xeito, o poder dispor de sensores específicos que non remitan información a tempo real, optimizarán os programas de rega e xestión de recursos hídricos, tentando diminuír os posibles episodios de estrés nas viñas.

En resumo, as xornadas organizadas polo Inorde pretenden “ofrecer unha visión de conxunto das solucións tecnolóxicas novidosas que, seguramente, axudarán a paliar  os vellos problemas da produción de uva e viño”, dixo Emma González, quen salientou que un sector vitícola como o ourensán “debe adaptarse ao contexto actual e aplicar as novas tecnoloxías, sobre todo, cando estas lle van facilitar o día a día do cultivo e garantir a necesaria conservación do medio natural”.

Programación

A primeira xornada será na Denominación de Orixe de Monterrei o día 11 de agosto. A parte teórica impartirase no Centro de Interpretación do Viño (fronte ao Hospital de Peregrinos), mentres que a visita en campo será na Finca Experimental que traballa o Inorde en Monterrei. Ao día seguinte, o 12 de agosto, será a quenda para a Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, por elo, a parte teórica desenvolverase no Centro Social de A Teixeira e a parte práctica nun viñedo de altura da Adega Vella en Abeleda.

A formación continuará o 18 de agosto, na Denominación de Orixe de Valdeorras, onde a parte teórica se impartirá na aula do Consello Regulador de dita Denominación de Orixe, e a parte práctica nun viñedo que está ao carón do mesmo. Por último, o día 19 de agosto, concluirase esta iniciativa na Denominación de Orixe do Ribeiro, reunindo aos participantes na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

O proxecto Red Agriconect 4.0, do que o Inorde é socio, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España – Portugal (POCTEP) 2014 – 2020

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email