O Proxecto Raia Seca Gerês-Xurés expón os seus resultados nunha publicación que sintentiza a análise e diagnóstico territorial do AECT

O Centro Cultural Marcos Valcarcel albergou o Seminario transfronteirizo sobre a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Raia Seca Gerês-Xurés. Este evento final forma parte das actividades a desenvolver dentro do proxecto Raia Seca Gerês-Xurés, proxecto cofinanciado ao 75% polo FEDER a través do Programa INTERREG VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, que ten como obxectivo final a creación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) na Raia Seca e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX).

No acto de hoxe foron presentados os resultados do proxecto, a cargo d xefe da Sección de Planificación, Seguimento de Investimentos e Proxectos Europeos da Deputación, Francisco Javier Rodríguez-Nóvoa; e do secretario do CIM Alto Minho, Paulo Queiroz. Tamén foi presentada publicación titulada “Síntese da análise e do diagnóstico territoriais do futuro AECT Raia Seca Gerês-Xurés”, a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela e directora do libro, Valeria Paul Carril

O proxecto ten como socios portugueses a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), Comunidade do Vale do Cávado (CIM Cávado) e a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (CIMAT), e da parte ourensá a Deputación de Ourense e o Inorde.

Os concellos ourensáns que forman parte desta futura AECT serán os de: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira, Baltar, Padrenda, Verea, Quintela do Leirado, Muíños, Cualedro, Oímbra e Monterrei. O norte de Portugal estará representado polos municipios de Montalegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço.

O obxectivo deste proxecto é mellorar a eficiencia das administracións públicas promovendo a cooperación xurídica e administrativa e a colaboración entre os cidadáns, os representantes da sociedade civil e as institucións, en particular con miras a resolver obstáculos xurídicos e trabas doutra índole nas rexións fronteirizas.

Neste contexto, as administracións locais toman a iniciativa de promover a intensificación das dinámicas transfronteirizas xa existentes, a través da creación dunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) que facilite a xestión do “ben común” e promova o desenvolvemento deste territorio transfronteirizo de forma colaborativa e harmoniosa.

O Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, na súa reunión do 6 de xuño de 2023, acordou a concesión de unha axuda FEDER de 260.792,71 euros, dun orzo total de 347.723,62€, ó proxecto RAIA SECA GERÊS-XURÉS: Gobernanza Transfronteiriza da Fronteira Interior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, presentado á Segunda convocatoria, do cal a Deputación de Ourense é socio, cun orzo total de 121.250 euros.

O xerme desta iniciativa foi a sinatura de Declaración Conxunta para a Constitución da AECT no contexto da “Raia Seca” e da RBTGX, que tivo lugar o pasado 14 de decembro de 2022 en Arcos de Valdevez, e que asinaron 8 entidades portuguesas e 14 entidades ourensáns, 13 concellos arraianos e a súa promotora, a Deputación de Ourense.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email