Os Museos das Estacións do Inorde abrirán durante a Semana Santa con visitas guiadas

Desde o 12 ao 18 de abril, incluídos, estarán abertos os espazos expositivos que alberga o Museo do ferrocarril, o do Traxe Tradicional Galego, o Automóbil, e o do artista Moncho Borrajo

Co obxectivo de dar a coñecer a un maior número de persoas parte da historia e da etnografía ourensá que se atopan nestes enclaves museísticos programarase unha visita guiada diaria

Os Museos que ten o Inorde nas antigas Estacións de tren abrirán durante a Semana Santa, desde o 12 ao 18 de abril, para ofrecer unha alternativa de lecer cultural e familiar. Os horarios dos espazos expositivos serán: o Museo do Traxe Tradicional Galego e do Automóbil–Fundación Estanislao Reverter, ubicados na estación de Santa Cruz de Arrabaldo, e o Museo Moncho Borrajo na estación de Baños de Molgas de 16.00 a 20.00 horas; e, pola súa parte, a Aula-Museo do Ferrocarril na estación dos Peares(A Peroxa) de 10.00 a 14.00 horas.

Ademais, co obxectivo de divulgar parte da historia e da etnografía ourensá que albergan os “Museos das estacións” do Inorde, realizarase durante a última hora de cada sesión, unha visita guiada en cada un deles para un grupo máximo de 20 persoas. Así mesmo, todos os visitantes que pasen polos tres museos e selen o seu “billete de tren” participarán no sorteo dunha visita guiada por Ourense dunha hora e media de duración doada por Xeitura.

Museo do Ferrocarril, enclavado na Ribeira Sacra

A Aula-Museo do Ferrocarril situada na estación de Os Peares, singular enclave de A Ribeira Sacra (municipio de A Peroxa), poderá visitarse nas datas mencionadas en horario de 10.00 a 14.00 horas. Nel, é posible descubrir a exposición permanente sobre a historia do ferrocarril en Ourense, situada no antigo peirao de mercadorías. A aula do ferrocarril, concibida como un espazo único, está organizada en seis bloques temáticos: infraestruturas como aparellos e elementos de vía, sinalización, electrificación…; lampistería (farois de iluminación de locomotoras, estacións, sinalización…). A colección conta ademais con elementos de comunicación (centrais, reloxos…) uniformes, e complétase con modelismo, xoguetes e arte. Destaca unha peza histórica nesta exposición que é a antiga mesa de encravamento da Estación de Ourense Empalme.

Museo do Traxe Tradicional Galego e do Automóbil

Na estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo (Concello de Ourense) atópase o Museo do Traxe tradicional galego que nace da necesidade de dar un espazo expositivo ao material etnográfico relacionado coa vestimenta tradicional que ao longo dos anos foi recuperando a Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, integrada no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo “Xocas” da Deputación de Ourense. Os turistas poderán descubrir durante a súa visita o proceso de elaboración dos tecidos (liño e lá), dende a obtención da materia prima ata a súa transformación nunha tea, pasando pola preparación para o fiado e o traballo no tear, cunha ampla mostra de material empregado para este fin.

Nesta mesma estación atópase o Museo do Automóbil – Fundación Estanislao Reverter, no que se recolle o legado deste destacado piloto de rallys, un dos pais do automobilismo galego, falecido en 1991. O Museo recolle a traxectoria deportiva de  Estanislao Reverter e nel expóñense parte dos fondos da Fundación.  As exposicións desta estación poderán visitarse polas tardes desde as 16.00 ás 20.00 horas.

Museo Moncho Borrajo

E, neste mesmo horario (16.00 ás 20.00 horas), estará aberto o Museo Moncho Borrajo na estación de Baños de Molgas. Un espazo cultural que recolle a totalidade do legado do artista, con material de atrezzoutilizado ao longo da súa carreira, premios, obxectos persoais, pinturas, curiosidades así como documentación sobre a súa vida e as súas obras; os artigos máis representativos da vida cultural e persoal do dramaturgo ourensán nado nesta localidade. Ademais da súa biblioteca persoal con máis de 3.000 libros.

Con este plan especial de apertura durante a Semana Santa, o Inorde pretende contribuír a dinamizar a oferta turística cultural nestes tres puntos da provincia de Ourense, especialmente pensada para as familias mediante a visita aos Museos das antigas estacións de tren que foron rehabilitadas co proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Interreg III A España-Portugal FEDER.

É posible ampliar información e ver fotografías na páxina web:  http://turismourense.com/es/museos-estacions-inorde/

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email