Os socios do proxecto europeo Circular Labs lanzan o primeiro curso MOOC de economía circular

A actividade, online e gratuíta, foi desenvolta pola EOI e a Universidade de Salamanca (socios do proxecto xunto con outras entidades nas que se atopa o Inorde), e dará a coñecer a importancia de transformar o noso actual modelo de Economía Lineal nun Modelo Circular

Ademais, desenvolverase un Living Lab de consumo nunha economía circular, o mércores 21 de abril, no que se debaterá sobre os “Modelos de consumo de venta a granel e envases reutilizables”

Ourense, 19 de abril de 2021.- A Escuela de Organización Industrial e a Universidade de Salamanca lanzan o primeiro curso MOOC (Massive Open Online Course) de economía circular que será online e gratuíto e que se impartirá en español e portugués, no marco do proxecto europeo Circular Labs do que é socio o Inorde. O obxectivo desta actividade é dar a coñecer a importancia de transformar o noso actual modelo de Economía Lineal (Producir-Usar-Tirar) nun Modelo Circular de bucle pechado, máis propio da natureza, na que practicamente todos os materiais poidan ser reutilizados, formando parte dunha nova cadea de valor.

O Inorde, co obxectivo de promover a economía circular na provincia de Ourense e consciente da súa importancia no desenvolvemento sostible dos territorios, divulga este curso que está dispoñible ata finais de xullo a través do seguinte enlace: eoi.dicampus.es, no que as persoas interesadas poden rexistrarse e acceder á formación.

O propósito desta iniciativa é axudar a comprender a necesidade de conservar, racionalizar e optimizar as materias primas que ofrece a natureza, aplicado tanto ao mundo empresarial como ó dos diferentes sectores produtivos, o que implica unha nova maneira de pensar, actuar e traballar.

Durante a formación abordaranse diferentes temas, desde entender conceptos como o de economía circular, simbioses industrial, ecodiseño ou análise de ciclo de vida, ata aprender como implantar este novo modelo circular na forma de operar das organizacións co fin de atopar solucións innovadoras e eficientes. Así mesmo, exporanse casos reais de empresas e axentes industriais de España e Portugal que están a levar a cabo iniciativas circulares de éxito.

O MOOC está realizado por expertos na materia, procedentes das rexións de actuación do proxecto (Galicia, Castela e León e norte de Portugal) e profesionais que aplicaron a economía circular nas súas empresas. Inclúe vídeos animados, notas técnicas, lecturas e cuestionarios de autoavaliación. Unha vez finalizado, entregarase ás persoas participantes un certificado expedido pola Escuela de Organización Industrial e a Universidade de Salamanca.

Living Lab de consumo nunha economía circular

Ademais deste curso, o vindeiro mércores, 21 de abril, de 9.30 a 11.00 horas, celebrarase un Living Lab de consumo nunha economía circular. Esta xornada online de debate sobre “Modelos de consumo de venta a granel e envases reutilizables” enmárcase dentro do proxecto Circular Labs, dentro do cal se están a desenvolver unha serie de encontros para analizar o papel dos consumidores na economía circular e buscar pontes de encontro entre fabricantes, distribuidores-comercializadores e os propios consumidores.

O primeiro destes encontros está dirixido a analizar cambios encamiñados a pautas de consumo sen envase, ou o que se chaman tamén a granel, xa sexa de produtos alimentarios, de hixiene ou limpeza.

Nos encontros preténdese que participen os diferentes axentes das cadeas de valor onde poida plantarse este modelo de venta a granel. Para coñecer o programa da xornada pode acceder ao seguinte enlace: https://marketplace.circularlabstoolkit.eu/living-lab-de-consumo-en-una-economia-circular e para participar é necesario inscribirse previamente a través de: https://forms.gle/MGkTXXTszhivZW7Z9

Circular Labs

O proxecto Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular no espazo ibérico está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014.2020. Neste proxecto, coordinado pola Fundación EOI, participan outros dez socios de España e Portugal que son, ademais do Inorde, a Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, Deputación de Ávila, Concello de Valladolid, Universidade de Salamanca, Fundación Paideia Galiza, MAIEUTICA-Cooperativa de Ensino Superior – Maia, Instituto Politécnico de Bragança, ADITEC: Asociacion Para o Desenvolvemento e a Innovación Tecnolóxica. Porto e o Municipio de Montalegre.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email