Ourense cumpre a día de hoxe os obxectivos que se marca a UE para 2020 sobre o PIB da industria manufactureira

Segundo os datos do Observatorio Económico Ourensán, o peso deste sector na provincia (19,72 % do PIB) supera en 5 puntos a media de Galicia, situada no 14 %

Manuel Baltar participou na presentación do Observatorio, que tivo lugar esta mañá na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, coa presenza, entre outras autoridades de Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social de Galicia

Ourense, 8 de marzo de 2017.- A provincia de Ourense cumpre practicamente a día de hoxe os obxectivos que se marca a Unión Europea para o ano 2020 sobre o Produto Interior Bruto (PIB) da industria manufactureira. Así o reflicten os datos do Observatorio Económico Ourensán, que revelan que o peso deste sector na provincia de Ourense (19,72 % do PIB) supera en 5 puntos a media de Galicia, situada no 14 %, co cal, a provincia ourensá sitúase na actualidade nos parámetros que estima como óptimos a UE para dentro de tres anos, fixados no 20% do PIB.

 

Manuel Baltar participou na presentación do Observatorio, que tivo lugar esta mañá na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, coa presenza, entre outras autoridades de Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social de Galicia; do presidente da Asociación de Empresarios, Elías Mera, e representes institucionais, da CEO e da Cámara de Comercio, así como de empresarios de diferentes sectores de actividade na provincia de Ourense.

 

O presidente do goberno provincial destacou que o Observatorio Económico Ourensán “é unha ferramenta “á carta”, que se actualiza en tempo real, aberta a todos, e que nos permite por medio da análise dos seus 44 indicadores planificar mellor e sermos máis competitivos”.

Na presentación de hoxe, realizada especificamente para o ámbito empresarial, participaron xunto a Manuel Baltar o profesor Andrés Mazaira e o director xerente do Inorde, destacando o dato de que a comarca de Ourense está a liderar o ciclo de rexeneración laboral iniciado en 2014, coa creación neta de 2.580 empregos, e que o 67,1% dos novos empregos que se crean na provincia están a xurdir, precisamente, na comarca de Ourense.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email