Visita da xerente do Inorde á xornada de clausura de Alimagro 2021

O Inorde organizou, neste último día de Feira da Pataca e da Maquinaria Agrícola, un obradoiro de gastronomía saudable e sostible que baixo o título “O papel da pataca” foi impartido polo chef Carlos Parra do Castelo de Maceda

Ourense, 5 de setembro de 2021.-A xerente do Inorde, Emma González, visitou hoxe a Feira da Pataca e da Maquinaria Agrícola, Alimagro 2021, que hoxe celebra a súa última xornada tras converterse durante estes tres días “no escaparate idóneo para dar a coñecer a riqueza agrogandeira da comarca da Limia, territorio clave para o sector primario da nosa provincia”, dixo Emma González, quen sinalou que, por elo, o Inorde “quería acompañar aos agricultores limiaos nesta importante cita, ofrecendo unha xornada práctica, a cargo dun mestre da cociña de Ourense como é Carlos Parra, para resaltar o potencial que ten a pataca como ingrediente fundamental de pratos saudables e sostibles”.

Deste modo, o Inorde organizou, para este último día da Feira, un obradoiro de gastronomía saudable e sostible que baixo o título “O papel da pataca”, foi impartido polo chef Carlos Parra do Castelo de Maceda. O chef elaborou, ante os asistentes á actividade, un guiso de pataca Kennebec con chourizo ceboleiro e pemento de Oímbra aderezado con aceite de oliva galego.

Durante a presentación de dita actividade, a xerente do Inorde acompañada pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; e o concelleiro de Medio Rural de dito municipio, Amador Díaz; destacou o traballo que leva a desenvolver durante máis de 20 anos o Inorde, a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, a prol do sector agrogandeiro da nosa provincia, e agradeceu aos traballadores deste organismo o seu esforzo e dedicación, sobre todo, “neste último ano de pandemia, onde durante ese tempo, o Centro mantivo as súas portas abertas, para continuar a colaborar cos agricultores porque se algo evidenciou a crise sanitaria é que o sector primario é imprescindible e vital para toda a cidadanía”.

Así mesmo, Emma González lembrou que o Inorde mantén, en terreos da antiga Lagoa de Antela, unha finca de ensaios na que se realizan experiencias de campo encamiñadas a testar novas variedades e novos cultivos, adquirir experiencias en novos tratamentos fitosanitarios, en innovadoras estratexias de fertilización e novos xeitos de loitar contra as pragas, co obxectivo de achegar información veraz e de primeira man aos agricultores da Limia.

Alimagro 2021 reuniu, no pavillón municipal e nos seus exteriores, a máis de trinta expositores e ofrecéronse degustacións gastronómicas durante os tres días que durou a Feira. No interior do pavillón estivo presente todo o relacionado coa pataca, mentres que no exterior estivo a parte relacionada coa maquinaria agrícola.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email