A proba, que reunirá a máis de 150 deportistas, celebrarase os días 15 e 16 de xuño en formato volta de dous días e dividida en tres etapas (dúas tipo maratón e unha contrareloxo)
O evento, impulsado desde o Inorde co apoio de Turismo de Galicia, “permítenos potenciar os recursos naturais e patrimoniais do territorio e, ademais, ao tratarse dunha proba que dura dous días, atraemos a visitantes que terán que pernoctar na nosa provincia”, explicou Rosendo Fernández
Ourense, 12 de xuño de 2024.
A Deputación de Ourense a través do Inorde impulsa, co apoio de Turismo de Galicia, a cuarta edición da “Xurés Bike Tour” que levará aos afeccionados ao ciclismo de montaña a gozar das paraxes naturais que ofrecen os concellos de Muíños, Entrimo e Lobios. O evento, que se celebrará os días 15 e 16 de xuño, reunirá a máis de 150 deportistas nunha proba competitiva en bicicleta de montaña en formato volta de dous días e dividida en tres etapas (dúas tipo maratón e unha contrareloxo). A competición será de forma individual ou por parellas.
A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; a alcaldesa de Lobios, Mª Carmen Yáñez; o concelleiro de Festexos de Muíños, Benito Rodríguez; a xerente do Inorde, Emma González; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.
“Este tipo de probas permítenos potenciar os recursos naturais e patrimoniais da provincia a través do turismo deportivo e, neste caso, ao tratarse dunha proba que dura dous días, atraemos a visitantes que terán que pernoctar aquí co correspondente impacto económico que isto supón para o territorio”, explicou Rosendo Fernández.
Nesta ocasión, a “Xurés Bike Tour” será disputada por máis de 150 deportistas procedentes de 11 provincias, entre os que se atopa o Campión do Mundo de XCM, o portugués David Vaz.
Ademais, este tipo de eventos deportivos contribúen a promover o Centro BTT do Xurés, impulsado pola Xunta de Galicia, e que ofrece un total de nove rutas nos municipios de Muíños e Lobios, sumando máis de 200 km sinalizados. Este Centro conta tamén con diferentes servizos que se prestan ao longo de todo o ano en diferentes puntos como o Complexo Deportivo de O Corgo, o balneario de Lobios ou Aviva OutDoor Sports Center.
Tres etapas na Xurés Bike Tour
A primeira etapa ten unha distancia de 42 quilómetros e 1.000 metros de desnivel que comezarán desde o Complexo Deportivo de O Corgo, en Muíños, e levará aos participantes a percorrer parte do Parque Nacional de O Xurés, pasando por enclaves únicos como a aldea de O Salgueiro, Prado ou Maus de Salas.
A segunda etapa sairá desde o municipio de Entrimo cun percorrido de 12 km e con máis de 300 metros de desnivel que se disputará nunha contrareloxo individual. Por último, a terceira, a etapa raíña da proba cun percorrido de 55 km con 1.500 metros de desnivel, terá a súa saída e chegada no centro de Lobios e transcorrerá pola contorna da Mina das Sombras e Portela do Homem.
A “Xurés Bike Tour” consta de distintas modalidades: volta completa, na que os participantes realizan as tres etapas; bicicleta eléctrica, dirixida a deportistas individuais que realicen as tres etapas cunha e-bike —esta categoría no será competitiva— e modalidade por parellas, para os equipos de dous integrantes que realicen as tres etapas. Os equipos poderán ser masculinos, femininos ou mixtos. Ademais, poderase realizar calquera das etapas de forma individual -agás o prólogo-, pero non entrarán nos premios da etapa.