O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, como organismo autónomo dependente da Deputación de Ourense, pretende ofrecer a través desta páxina web toda a información relativa ao mesmo para facilitar o coñecemento sobre os proxectos que desenvolvemos a prol dos concellos da provincia e dos seus sectores produtivos.
O Inorde ten encomendadas especialmente labores de impulso aos sectores primario e turístico, de acordo ás directrices que marca Europa, cara a dixitalización e a sustentabilidade, aliñados coa visión integral de provincia intelixente e verde que impulsa o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
Tamén estamos involucrados na xestión de proxectos europeos de cooperación que buscan impulsar a competitividade e apoiar as pequenas empresas e produtores na transición ecolóxica, ao tempo que crear ferramentas que permitan afrontar un dos principais retos que se presentan na provincia: o reto demográfico.
Dentro da estrutura funcional do Inorde cabe destacar o labor do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, enfocado a velar pola biodiversidade agrícola, e a Unidade de recuperación de Razas Autóctonas, a través dos que atendemos as demandas dos produtores e gandeiros.
No ámbito turístico, a provincia de Ourense conta cunha marca turística “OU” que ampara os catro recursos cabeceira do territorio: enogastronomía, patrimonio, natureza e termalismo coma principal factor diferencial. O labor de gobernanza, planificación estratéxica e promoción do destino é esencial para aproveitar as oportunidades asociadas a Alta Velocidade Ferroviaria, que conecta desde decembro de 2021 a nosa provincia coa capital española en 2 horas e 15 minutos.
Así mesmo, o Inorde está a formar parte activa do equipo multidisciplinar da Deputación Provincial na Estratexia de Captación de Financiación Europea para o novo período, priorizando a atención aos mencionados sectores.
Nesta páxina atoparán unha mostra do noso compromiso, esforzo e traballo coordinado co goberno provincial.
É, polo tanto, unha honra abrirlle as portas do Inorde, organismo ao servizo dunha provincia “Ourense, xenuína”.
Un cordial saúdo.