400 cicloturistas de 19 provincias participan na quinta edición da “Ourense Strade Termal”

O Inorde organiza, co apoio de Turismo de Galicia, este evento deportivo, consolidado no calendario nacional pola súa singularidade, que discorre por “un escenario idóneo para o turismo deportivo como é a zona do Xurés”, salientou Rosendo Fernández

Preto de 400 cicloturistas apaixonados do “sterrato” que proceden de 19 provincias, volven a darse cita na provincia coa celebración da quinta edición da “Ourense Strade Termal“. Un evento deportivo, organizado polo Inorde co apoio de Turismo de Galicia, que está consolidado no calendario nacional pola súa singularidade, e que discorre por “un escenario idóneo para o turismo deportivo como é a zona do Xurés”, salientou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

O corte de cinta, que deu saída a esta emblemática proba, tivo lugar no Balneario de Lobios, onde tamén foi a chegada dos deportistas. No acto participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Lobios, Mª Carmen Yáñez; o concelleiro de Muíños, Israel León; e o director xerente de Caldaria, Javier Soto.

A “Ourense Strade Termal” é un “exemplo de cooperación público-privada para promover a especialización da provincia de Ourense coma destino cicloturista cos seus 2.000 quilómetros de estradas pouco transitadas e, polo tanto, máis seguras, con longas subidas e baixadas, que unidas á riqueza natural e patrimonial crean un escenario perfecto para o goce deste deporte”, dixo Rosendo Fernández.

Ourense Strade Termal 2022

O percorrido previsto para esta quinta edición levou aos deportistas a descubrir fermosas paraxes ourensáns de Muíños, Lobios e Calvos de Randín. Ademais, este ano a “Strade Termal” volveu a cruzar a fronteira para chegar a Pitoes das Júnias e a Tourem (Cámara Municipal de Montalegre), lugares xa clásicos para os inscritos nesta proba que este ano tamén estrearon en Muíños dous novos tramos de “sterrato”.

A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, ofreceu aos participantes dous percorridos: o gran fondo de 115 quilómetros e o mini fondo de 75 quilómetros. Ademais, por primeira vez, co obxectivo de optimizar a dinamización turística desta actuación, o Inorde programou coa colaboración do Concello de Lobios e das empresas locais, diversas experiencias no Xurés a modo de programa complementario que incluían rutas de sendeirismo por enclaves emblemáticos da zona, así como un curso de cestería.

Este evento deportivo forma parte dunha “estratexia planificada que pretende aglutinar os recursos turísticos e o deporte (ecosistema deportivo). Así, ao longo do ano, daremos boa conta desta alianza estratéxica con Turismo de Galicia que materializaremos a través de diferentes eventos deportivos que encaixan nesta estratexia: a marcha cicloturista da Ribeira Sacra que naceu o ano pasado con éxito, a Arnoia Termal Sports, a Xurés Bike Tour de tres días de duración e, todo elo, co obxectivo de seguir atraendo a ese visitante que sabe apreciar o que ofrece a nosa provincia xenuina”, dixo Rosendo Fernández.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email