A Agrupación Apícola Galega visita o Inorde para explorar liñas de colaboración conxuntas

Membros da Agrupación Apícola Galega visitaron as instalacións do Inorde para avaliar coa xerente e técnicos deste organismo a participación realizada no marco do proxecto Red Agriconect 4.0 o pasado ano e analizar outras liñas de colaboración de apoio á revalorización dos produtos dos apicultores ourensáns. Mostra do traballo realizado polo sector apícola na provincia de Ourense, son os produtos de “Bela Colmea” que elabora produtos cosméticos a base de mel de Galicia como crema facial anti-idade, crema corporal, crema reparadora de mans e unllas, bálsamo labial reparador con xelea real, xabón natura, bálsamo para pés, entre outros.  

Durante a xuntanza avaliaron posibles accións de cooperación, a través do futuro centro de transformación de produtos agrícolas que a Deputación de Ourense e o Inorde impulsan en Paderne de Allariz. Tamén acordaron estudar a incorporación da auga termal como base dalgún novo produto cosmético de “Bela Colmea” co fin de reforzar o aproveitamento dos produtos endóxenos do territorio.

A xerente do Inorde destacou as oportunidades de xerar valor engadido para os produtos apícolas, mediante a aposta pola sustentabilidade e a dixitalización, liñas nas que se enmarcan os proxectos do Inorde.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: