A Deputación, a través do Inorde, colabora coa Xunta para crear un programa de identificación, restauración e promoción da xestión activa de frondosas autóctonas

Esta iniciativa, dotada cun orzamento de 181.000 euros que estará vixente ata o 2027, continuará a favorecer a participación do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, dependente do Inorde, facendo especial fincapé na promoción de agrupacións de xestión conxunta e na loita contra as doenzas do castiñeiro

Esta colaboración inclúe tamén a organización dun foro público participativo de experiencias e novidades relacionadas coa recuperación dos soutos tradicionais e novas plantacións de carácter produtivo, ecolóxico ou recreativo e cos procesos produtivos, entre outros

Ourense, 24 de setembro de 2025.

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, asinará un convenio coa Xunta de Galicia para crear un Programa específico de identificación, vixilancia e promoción da xestión activa dos soutos tradicionais de castiñeiros e das masas de frondosas autóctonas, tal e como se aprobou no último Consello da Xunta.

Este programa, que favorecerá a participación activa do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós dependente do Inorde, fará especial fincapé na promoción de agrupacións de xestión conxunta na loita contra as doenzas do castiñeiro e as frondosas autóctonas. O convenio, que estará vixente ata o 2027, conta cun orzamento superior aos 181.000 euros. Unha colaboración, que vén a ampliar a que xa se tiña co Inorde ata este momento, e que está organizada en tres actuacións principais co fin de lograr os obxectivos propostos.

En primeiro lugar, traballarase a prol da vixilancia e loita contra as doenzas do castiñeiro e das masas de frondosas autóctonas de especial interese, xa que a vitalidade dos soutos e a súa capacidade produtiva requiren dun bo estado fitosanitario. Neste contexto, unha das doenzas máis preocupantes nos soutos é o cancro polo que, no marco desta actuación, crearase un mapa de distribución das cepas hipovirulentas do cancro do castiñeiro nas zonas produtoras de castaña, co fin de axustar a eficacia dos tratamentos experimentais con este tipo de cepas. Para facelo, o Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós recollerá mostras dos cancros activos en concellos de Lugo e Ourense.

Por outra banda, impulsarase a xestión conxunta dos soutos e masas de frondosas baixo o obxectivo de crear novas agrupacións forestais de xestión conxunta (con ou sen base territorial), facilitando información e asesoramento ao persoal interesado e, de ser o caso, axudando a completar a información e compromisos necesarios para a súa inclusión no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

Tamén no marco deste convenio, naquelas agrupacións que xa foron constituídas na provincia de Ourense, fomentaranse as actuacións formuladas ao abeiro do Plan piloto de fomento da xestión conxunta de soutos asinado en 2023, como son o apoio aos traballos de restauración dos soutos impulsados pola Consellería e a redacción dos seus instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

Por último, o convenio de colaboración co Inorde inclúe, nos tres anos de vixencia do convenio, a organización dun foro público participativo de experiencias e novidades relacionadas coa recuperación dos soutos tradicionais e novas plantacións de carácter produtivo, ecolóxico ou recreativo e cos procesos produtivos, entre outros.

O obxectivo é fomentar a participación colectiva e o intercambio de información, así como establecer canles de comunicación entre os axentes que interveñen na cadea de valor do castiñeiro. A través deste convenio refórzase a colaboración nesta materia iniciada co Inorde no 2023, que tiña como fin a identificación, restauración e promoción das frondosas en xeral e do castiñeiro en particular a través do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: