A Deputación adquire tres novos ecobarcos que complementarán os servizos turísticos nos embalses de Castrelo de Miño e Frieira

  • O presidente provincial, Luis Menor, presentou hoxe no Parque Náutico de Castrelo de Miño estas tres novas embarcacións, que xunto ás dúas anteriores que xa están en funcionamento, completan este servizo que vén “a diferenciar a oferta no territorio con maior potencial termal de Europa como é Ourense”.
  • Estes tres novos ecobarcos foron adquiridos pola Deputación por un importe de 141.388,5 euros a través do “Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal”.
  • Dúas destas embarcacións denominadas “Espírito Ribeiro” e “Moura”, en alusión á tradición vitivinícola e á cultura castrexa da comarca estarán funcionando no encoro de Castrelo de Miño, e a terceira embarcación “Miñoto” que fai mención ao Camiño, navegará no encoro de Frieira entre Cortegada e Arnoia.
  • Ademais, Luis Menor anunciou que a Deputación realizará un proxecto piloto a través do Inorde, cos servizos turísticos que conforman a oferta do destino “Ourense Termal” na comarca do Ribeiro para crear experiencias sostibles.

Castrelo de Miño, 22 de agosto de 2024.

A Deputación de Ourense vén de adquirir tres novos ecobarcos, por importe de 141.388,5 euros a través do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, que ofrecerán un novo servizo turístico nos embalses de Castrelo de Miño e Frieira. Estas embarcacións foron presentadas hoxe no Parque Náutico polo presidente provincial, Luis Menor; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o subdelegado do Goberno, Eladio Santos.

Estas tres novas embarcacións, que xunto ás dúas anteriores que xa están en funcionamento en Muíños e Arnoia, “completan este servizo que vén a diferenciar a oferta no territorio con maior potencial termal de Europa como é Ourense”, destacou Luis Menor.

O barco que estará operando en Cortegada denomínase “Miñoto” en alusión a outro dos grandes atractivos turísticos da provincia como é o Camiño onde a navegación está permitida durante todo o ano. Para elo, crearanse rutas que realicen un ensamblaxe turístico entre o Camiño Miñoto e o termalismo, “aglutinando recursos para facer máis atractivo o noso destino aos potenciais visitantes”, sinalou Luis Menor.

As outras dúas embarcacións que se poñerán en funcionamento en Castrelo de Miño denomínanse “Espírito Ribeiro”, que exalta a tradición vitivinícola da comarca, e “Moura” que fai alusión á cultura castrexa que atesoura este territorio. Ambas poderán navegar desde xuño ata finais de setembro nunha ruta circular no centro do encoro.

Ademais, tal e como anunciou o presidente provincial, a Deputación poñerá en marcha un proxecto piloto a través do Inorde cos servizos turísticos que conforman a oferta do destino “Ourense Termal” nesta zona para crear experiencias sostibles que poidan ofrecerse ao público na vindeira tempada. Neste sentido, Luis Menor destacou que para o goberno provincial é “vital traballar da man co tecido turístico para levar a cabo as nosos políticas públicas enfocadas a promover un crecemento sustentable e baseado na calidade”.

Embarcacións respectuosas co medio e accesibles

Estes ecobarcos, ao igual que os anteriores, están especialmente deseñados para ser respectuosos co medio. Teñen capacidade para oito persoas e con accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Contan con propulsión eléctrica, evitando así a emisión de contaminantes e xerando pouca ola para protexer tamén a fauna e a flora dos ríos polos que navega.

Os obxectivos desta actuación enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” son: crear un sistema de mobilidade turística sostible, incrementar as actividades complementarias á oferta termal; impulsar o ensamblaxe de produtos turísticos e incrementar a estadía media no destino, explicou o presidente provincial.

O PST en “Ourense Termal” estase a materializar ao longo das anualidades 2022-2024 nos 15 municipios rurais termais da provincia, a través dun convenio entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

PRESENTACIÓN ECOBARCOS “OURENSE TERMAL”. O presidente provincial, Luis Menor, asiste á presentación dos novos ecobarcos “Ourense Termal”. No embarcadoiro de Castrelo de Miño. Tamén participan Jose Manuel Menelles (Director da Axencia de Turismo de Galicia), Eladio Santos Martínez (Subdelegado do Goberno en Ourense), Avelino Pazos Pérez (Alcalde de Castrelo de Miño), Manuel Pardo (Delegado da Xunta en Ourense) e outros alcaldes a autoridades da contorna.
Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email