A Deputación creará unha oficina física e outra itinerante para facilitar a transición dixital de pemes, autónomos e emprendedores en zonas rurais

A Deputación de Ourense avanza no seu proxecto AcelerOU, un programa que busca impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes, autónomos e emprendedores da provincia. Este programa converteuse nun dos beneficiarios da convocatoria de axudas para a creación da Rede de Oficinas Acelera Peme -que conta con financiación comunitaria-, aportando parte do orzamento previsto para levar a cabo o programa.

O plan AcelerOU, que foi presentado en febreiro á convocatoria de axudas do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital, está deseñado polo goberno provincial para axudar ás pemes, autónomos e emprendedores na súa transformación dixital.

Manuel Baltar reuniuse co director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez, para avanzar nun proxecto que busca axudar, “na transformación da economía e da sociedade cara a unha contorna dixital, un movemento imprescindible para fixar poboación e seguir potenciando o rural”, segundo explica o presidente da Deputación, que remarca que “neste contexto de transformación dixital, é imprescindible impulsar dende as administracións públicas este cambio. E aí, AcelerOU convértese nunha nova ferramenta pública desenrolada dende este goberno para estimular a sensibilización, formación e concienciación da sociedade”.

Despois de recoñecer “a excelente labor dos técnicos da Deputación no deseño de plans e programa co potencial necesario para captar fondos comunitarios”, Manuel Baltar enmarca AcelerOU dentro do traballo do goberno provincial pola “vertebración territorial, a loita contra a fenda dixital e a igualdade de oportunidades, así coma dentro da nosa aposta por apoiar e acompañar a pemes, autónomos e emprendedores de Ourense”.

Neste horizonte, o presidente da Deputación destaca liñas de actuación executadas coma a celebración da Mobile Week Ourense ou o Plan de Acompañamento Dixital -na loita contra a fenda dixital- e, dentro da colaboración con “estes sectores fundamentais da nosa economía”, o plan EmprendOU e os realizados dentro do programa POCTEP -como Emprende makers ou Circular Lab-; as axudas directas outorgadas en plena pandemia a máis de 4.000 autónomos; todo o “fundamental traballo” desenrolado polo Inorde ou “as alianzas con axentes dinamizadores do territorio”, coma a propia Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).

AcelerOU conta co respaldo de concellos e apoios como a Universidade de Vigo, asociacións de desenvolvemento rural e entidades vinculadas á innovación e a tecnoloxía

Manuel Baltar resalta o apoio recibido por AcelerOU de concellos de toda a provincia e axentes colaboradores en diferentes ámbitos, como pode ser a Universidade de Vigo, entidades potencialmente demandantes de tecnoloxía -CEO, Confederación de Empresarios de Hostalería, Consellos reguladores, …-; vencelladas ao coñecemento e a oferta tecnolóxica -Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC, a Tecnópole…-; entidades autonómicas de apoio á innovación coma a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), así como asociacións de desenvolvemento rural. Tamén é importante o apoio de entidades enfocadas á muller, como a Asociación Galega de Mulleres Rurais ou Executivas de Galicia, nun programa que ten coma un dos seus principais obxectivos potenciar a participación das mulleres nas actividades propostas para fomentar o autoemprego feminino.

Todos estes concellos e entidades axudarán a desenrolar o programa, ademais de converterse nun canal de difusión e visibilidade para aumentar a capilaridade do programa e chegar aos destinatarios potenciais de AcelerOU.

Combinará unha oficina física e outra itinerante, ademais dunha oficina virtual

O proxecto AcelerOU, cunha duración de 24 meses, abarcará un amplo abanico de temáticas con relación á dixitalización dos usuarios. Entre outros, traballará na estratexia e cultura dixital; a relación co cliente: visibilidade e comercialización; procesos internos; novos produtos e servizos e Seguridade informática. Todas estas temáticas serán abordadas a través dunha ampla serie de tecnoloxías e ntre os obxectivos inclúese tamén o asesoramento e apoio en todo o relacionado cos trámites do programa Kit Dixital.

Executar estes servizos e estendelos por todo o territorio da provincia de Ourense lograrase mediante unha estratexia que combinará unha oficina física permanente nas instalacións do Inorde en Xinzo e unha oficina itinerante, con estancias semanais en municipios de todas as comarcas ourensás. Ademais, establecerase unha oficina virtual, aberta 24 horas ao día os 7 días á semana e que combina un sistema de “chatbot” conversacional cunha interacción dentro dun contorna web tipo ou mediante a recreación dun espazo de realidade virtual 3D.

O proxecto implementará xornadas de sensibilización e de apoio para a introdución e uso de tecnoloxías da comunicación e da información innovadoras, favorecendo a súa incorporación nos seus procesos produtivos e de xestión co seu Concello. Tamén se celebrarán sesións de “networking” para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica relacionada coa transición dixital.

Reunión Manuel Baltar (Presidente Deputación) con Fernando Suárez (Xefe da Area de transparencia da Deputación Ourense) para a concreción do Proxecto Acelera Pimes.
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: