Martín Berasategui insistiu na importancia da cooperación como a gran baza do sector para posicionar a Ourense como destino enogastronómico e destacou a calidade dos produtos de Ourense: “Esta é a cociña de verdade”.
Manuel Baltar reivindicou o doce momento que vive a gastronomía e restauración ourensá. O presidente da Deputación valorou a importancia da visita do chef, “e o feito de que xa exerzas como un ourensán máis, sendo coñecedor da nosa realidade e o noso futuro. Esto é un reto para seguir mellorando”.
A xerente do Inorde, Emma González, explica que Ourense “atópase nun momento crucial” para posicionarse como destino turístico de calidade, trala chegada do AVE. E sinala que a visita de prescriptores deste nivel “contribúe a potenciar a imaxe de destino que queremos”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañou hoxe ao prestixioso cociñeiro Martín Berasategui, durante a súa visita pola provincia de Ourense para coñecer in situ a riqueza enogastronómica que ofrece este territorio, un dos recursos cabeceira da provincia que está representado na marca turística “OU”.
Manuel Baltar recibiu ao prestixioso chef no Pazo Provincial, onde Berasategui asinou o “Libro de Honor” da institución. “O mellor cociñeiro do mundo non tocara un Goya ata hoxe en Ourense”, afirmou Baltar, explicando que Berasategui coincidía no Pazo Provincial con Chelo Loureiro, directora e produtora do filme Valentina, gañadora do Goya á mellor película de animación, e que hoxe tamén visitaba a institución provincial. Foi tamén neste edificio, futuro gran balneario da capital, onde o reputado chef -que pola tarde tamén coñeceu As Burgas- puido probar a auga termal que emana do subsolo do Pazo Provincial.
Encontro coa hostalería ourensá
Pola tarde, Martín Berasategui, acompañado por Manuel Baltar e Emma González, xerente do Inorde, mantivo un encontro con representantes da hostalería ourensá. O presidente da Deputación expresou a súa máxima admiración por Berasategui afirmando que era “unha honra” coñecelo e que estaba a demostrar a súa xenerosidade ao compartir toda a súa experiencia cos asistentes á xuntanza. Baltar sinalou que a visita de Berasatagui á provincia “supón un reto tamén para nós, e o feito de que exerzas como un ourensán máis, sendo coñecedor da nosa realidade e do moito futuro que temos por diante”.
O presidente do goberno provincial destacou o gran momento que está a vivir a enogastronomía ourensá, sinalando que nos atopamos “no momento perfecto, tamén en parte por ser o territorio mellor conectado de Galicia”, destacou Baltar, quen lembrou que estamos a dúas horas da capital española o que nos posiciona nunha “situación inmellorable”. Neste mesmo sentido, o presidente da Deputación lembrou que a nosa provincia conta con “gastronomía, patrimonio, cultura, etnografía, pero temos algo que non ten ningún territorio: potencial termal. Polo tanto, temos que atraer aos visitantes a través do termalismo para que unha vez chegue a Ourense poidan descubrir toda esa oferta turística que ofrece a nosa provincia”. E, precisamente, entre esas virtudes, está “o nivel actual da gastronomía e da restauración en Ourense”, salientou Baltar.
Nesta mesma liña, a xerente do Inorde asegurou que a provincia de Ourense “atópase nun momento crucial” para posicionarse como destino turístico de calidade, trala chegada da Alta Velocidade, salientando que a visita de prescriptores do nivel de Martín Berasategui, “contribúe a potenciar a imaxe de destino que queremos”. Asemade, Emma González agradeceu as recomendacións do chef neste ámbito que pasan por “fortalecer a cooperación entre sector público e privado, que aglutina a tradición e o emprego de produtos autóctonos coa profesionalidade dos cociñeiros, así como manter unha liña de crecemento sostible tendo sempre no punto de mira ao cliente. Trátase, polo tanto, dun aspecto clave no proceso de construción da nosa identidade turística”.
Durante o encontro entre Berasategui e varios representantes da hostalería ourensá, todos coincidiron na reivindicación da cociña tradicional. Neste encontro estiveron Javier Outomuro, de Amicogal; José González, de Unión Hosteleros Ourense; Fran Domínguez, de Bib Gourmand e membro de Cociña Ourense; Martín Sousa, mellor pasteleiro de Galicia e membro de Cociña Ourense; Javier González, socio de honra de Cociña Ourense e Miguel González, Estrella Michelin. González, como máximo responsable da asociación Cociña Ourense, destacou a colaboración do presidente da Deputación de Ourense: “Sentímonos apoiados por él dende o primeiro minuto. Sen el, hoxe Berasategui non estaría aquí”.
Traballo e colaboración
Martín Berasategui lembrou aos hostaleiros ourensás as súas orixes e inicios que estiveron vencellados aos valores do traballo diario e o esforzo. Así mesmo, Berasategui mostrouse disposto a colaborar cos hostaleiros ourensás en todo aquelo que precisen asegurando que “esta é a cociña de verdade, que é a que se fai en Galicia. E, se queremos vestir de gala os produtos galegos, hai que dedicarse a esta profesión en corpo e alma”. Berasategui insistiu na importancia da cooperación como a gran baza do sector para posicionar a Ourense como destino enogastronómico. O prestixioso chef destacou a calidade dos produtos locais, que unido á frescura dos cociñeiros actuais, ao valor da tradición e do esforzo profesional, conta con todos os ingredientes necesarios para satisfacer a demanda dos turistas gastronómicos.
Martín Berasategui
O prestixioso cociñeiro conta cunha longa e exitosa traxectoria profesional recoñecida amparada por doce “Estrellas Michelin” -é o terceiro chef do mundo con máis recoñecementos deste tipo-, que acumulan os seus sete restaurantes. Ademais, encabeza a clasificación na Guía Repsol, con 11 Soles, e recentemente, Berasategui foi galardoado co premio Chef Mentor da Guía España & Portugal 2022. Conta tamén con máis dunha vintena de publicacións editadas no mercado.