A Deputación doa 10.000 kg de patacas ao Banco de Alimentos de Ourense

Ourense, 20 de outubro de 2023.– A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de doar de 10.000 kg de patacas da Limia ao Banco de Alimentos de Ourense. Trátase da primeira entrega que se realiza este ano, no marco do convenio con Cáritas Ourense, das patacas obtidas nos campos de ensaio que traballa o alumnado participante no curso de formación en Agricultura, dirixido a persoas en risco de exclusión social.

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández foi o encargado de facer esta entrega ao presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, acompañados por persoal de ambas entidades. Rosendo Fernández explicou que “esta foi a primeira das entregas que se realizan ao longo deste ano ata completar os 40.000 kg, que destinaremos para axudar ás familias ourensás que o precisan”. Salientou tamén o gran labor que realizan numerosas organizacións da provincia, como o Banco de Alimentos, que axudan ás persoas sen recursos, afirmando que se trata dun “traballo crucial e imprescindible para moitas familias ourensás e que quero agradecer en nome da Deputación de Ourense”.

As patacas doadas foron producidas na finca de ensaios Antela. Esta produción correu a cargo do alumnado que participou no curso de actividades básicas de Agricultura, realizado a través do convenio de colaboración entre o Inorde e Cáritas Ourense. Esta acción formativa permite dotar de coñecementos ás persoas en risco de exclusión social, nun dos sectores que máis demanda ten actualmente de man de obra cualificada na provincia; así como colaborar con Cáritas coa doazón do produto resultante do seu traballo, mantendo o compromiso social do Inorde co tecido social da provincia.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email