A institución provincial, a través do Inorde, continúa a dar pasos para promover este segmento turístico en foros destacables como esta feira de índole cultural que está enfocada ao sector de luxo que promociona destinos e produtos para o turismo MICE
Está décima edición de Cultourfair reuniu a máis de 130 participantes procedentes de 36 países, permitindo establecer sinerxías entre o Inorde e 20 potenciais compradores organizadores de congresos e incentivos de diferentes países
Sevilla, 2 de outubro de 2023.- A Deputación de Ourense, a través do Inorde, continúa a promocionar a oferta de turismo de reunións da provincia participando en foros nacionais para dala a coñecer entre potenciais organizadores de congresos e incentivos de todo o mundo. Nesta ocasión, a provincia de Ourense tivo o seu propio espazo en Sevilla na décima edición de Cultourfair, unha feira de índole cultural enfocado ao segmento de luxo que promociona destinos e produtos para o turismo MICE ( siglas en inglés para denominar ao turismo de reunións, incentivos, convencións e exposicións).
O programa deste foro, no que se deron cita máis de 130 participantes de 36 países, destacou por ofrecer unha axenda con ata 30 reunións preestablecidas con empresas previamente seleccionadas e un programa de networking que fomentou a interacción entre todos os participantes, creando así oportunidades para establecer alianzas empresariais que procuran un retorno do investimento na provincia de Ourense.
Durante a feira, o Inorde tivo a oportunidade de establecer contacto con 20 potenciais compradores organizadores de congresos e incentivos procedentes de España, Reino Unido, Polonia, Holanda, Francia, China, entre outros.
A provincia de Ourense postúlase como un destino moi competitivo con capacidade de satisfacer as novas demandas que procuran os compradores e que se dirixan a atopar espazos singulares, pouco explotados, con boa conexión que ofrezan experiencias auténticas, para trasladar aos seus clientes corporativos.
Coa chegada da Alta Velocidade a Galicia con Ourense como porta de entrada, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, realizou múltiples accións de promoción como a elaboración dun catálogo dixital de espazos singulares (www.miceourense.com), viaxes de familiarización, asistencia a feiras internacionais e organización de congresos, apostando así por revalorizar a oferta en toda a provincia e impulsar este tipo de turismo como gran dinamizador de poboación e da economía local.